O Concello de Betanzos celebrou o acto oficial de entrega das credenciais ás veciñas e veciños que completaron con éxito a Ruta do Pai Sarmiento, un percorrido que culminou en Santiago de Compostela tras completar as sete etapas que conforman este itinerario xacobeo.
A alcaldesa, María Barral Varela, e o concelleiro Ricardo Cheda foron os encargados de facer entrega das credenciais ás persoas participantes, nun acto no que se puxo en valor o esforzo, a constancia e o espírito de compañeirismo demostrado ao longo de todo o camiño.
A Ruta do Pai Sarmiento permitiu aos participantes descubrir a riqueza paisaxística, patrimonial e cultural do percorrido, ademais de compartir unha experiencia de convivencia que rematou coa chegada á Praza do Obradoiro e a posterior entrega oficial das credenciais.
Desde o Concello quérese felicitar a todas as persoas que formaron parte desta iniciativa polo seu compromiso e por completar con éxito este desafío.












