Concello e Xunta analizaron o desenvolvemento dos traballos de recuperación do parque do Pasatempo, unha actuación na que se invisten 1,5 millóns de euros procedentes de Fondos Europeos que o Goberno Central destinou a Bens de Interese Cultural e entre os que en Galicia se incluíu o parque enciclopédico.
A alcaldesa, María Barral, analizou co director xeral de Turismo, José Manuel Merelles, os traballos que se están executando na actualidade e os que restarían desde agora ata cumprir o prazo establecido na convocatoria dos fondos europeos, é dicir, ata mediados do vindeiro ano.
Nestes momentos, segundo indicou a alcaldesa, estanse executando os traballos comprendidos na segunda fase do proxecto de recuperación do parque, que inclúe a primeira terraza, o estanque da Gruta, a Gruta Recolecta cos seus correspondentes túneles, as escaleiras de comunicación coa segunda terraza e o invernadoiro, ademais da Fonte das Catro Estacións. Esta segunda fase conta cun orzamento de 489.000 euros.
Dada a complexidade da obra, existe un certo retraso na execución dos traballos aínda que están “bastante avanzados”, o que permite sacar a contratación a terceira e a cuarta fase do proxecto a principios do próximo ano. Será a Xunta, igual que nesta segunda fase, quen realice a contratación conxunta destas dúas novas fases nas que os traballos se centrarán en actuacións nas tres terrazas, na caverna, nos muros e na canalización das augas, alén da recuperación ambiental do recinto.
María Barral indicou que dado o volume de obra que se inclúe nestas dúas fases que restan do proxecto, o Concello tiña unha certa “preocupación polo pouco tempo que hai para cumprir os prazos impostos nos fondos europeos”. Engadiu que “aínda que existe un compromiso claro de Turismo de que se axilicen ao máximo as obras e que, polo tanto, a maior parte dos traballos do proxecto estean finalizados na data prevista, se houbese algunha actuación que quedase pendente sería asumida con fondos propios da Xunta”.
A primeira edil destacou a disposición do director xeral de Turismo e o seu “interese e a súa implicación en que esta obra, que vai supoñer un paso de xigante na recuperación do parque, estea concluída o vindeiro ano”.
A alcadesa indicou que malia que con este proxecto de fondos europeos e o realizado polo Concello en convenio coa Deputación Provincial, que serviu para recuperar o Estanque do Retiro, se vai avanzar enormemente na recuperación integral do parque “aínda quedará unha parte, arredor dun 30 %, para a que será necesario buscar máis vías de financiamento, ben a través de fondos europeos, a nivel estatal ou autonómico, pero traballaremos nesa liña para que o que quede poida ser incluído noutras fases e poidamos gozar do Pasatempo e o legado dos irmáns García Naveira en todo o seu esplendor en pouco tempo”.













