O Concello inicia as obras de mellora do sistema de saneamiento e pluviais na Ribeira para minimizar problemas de inundacións nos baixos do Grupo Brigantium.

8

O Concello iniciou as obras de mellora da arqueta situada nas inmediacións do Grupo Brigantium, unha actuación que permitirá mellorar a capacidade da rede de saneamento e pluviais e minimizar o risco de inundacións nos baixos dos edificios da zona.

Os traballos puideron iniciarse unha vez completada a redacción do proxecto e obtidas todas as autorizacións preceptivas. O investimento supera os 60.000 euros e responde ao compromiso do goberno local cos veciños de mellorar  a infraestruturas hidráulicas  ofrecer solucións  aos problemas que se viñan rexistrando neste punto.

A alcaldesa, María Barral, explicou que a intervención presenta unha especial complexidade técnica, xa que incorpora diferentes solucións para responder ás distintas circunstancias que afectan ao funcionamento da arqueta. Así, instalarase un sistema asociado ás mareas que contará cunha válvula antirretorno para impedir a entrada da auga cando se produzan mareas vivas. Ao mesmo tempo, executarase unha mellora da canalización das augas pluviais para facilitar a súa evacuación e habilitarase un novo sistema de saneamento que evitará posibles rebordamentos no caso de producirse unha incidencia no bombeo situado nas inmediacións.

Segundo indicou Barral, “trátase dunha actuación moi estudada desde o punto de vista técnico, deseñada para ofrecer unha resposta eficaz a unha problemática complexa e reducir ao máximo o risco de inundacións nos baixos do Grupo Brigantium”. A alcaldesa lembrou que esta obra completa o importante investimento realizado hai uns anos coa instalación do sistema de bombeo da Ribeira, unha infraestrutura que permitiu eliminar as inundacións que se producían na estrada nacional durante os episodios de mareas vivas.

“Con esta nova actuación pechamos unha intervención global nunha das zonas máis sensibles da cidade, reforzando a capacidade da rede para afrontar episodios de fortes choivas e de mareas de especial intensidade”, sinalou.

O goberno local continúa así desenvolvendo actuacións destinadas á renovación e modernización das infraestruturas municipais, priorizando aquelas que contribúen a mellorar a seguridade, a protección dos inmobles e a calidade dos servizos públicos.