Bar Galicia, vinoteca Versalles, Restaurante Casanova, Sinuessa e Casa Carmen, finalistas na X edición Semana da Tortilla de Betanzos

798

Bar Galicia, Vinoteca Versalles, Restaurante Casanova, Restaurante Sinuessa e Casa Carmen foron os cinco establecementos seleccionados para a final da Semana da Tortilla de Betanzos. Deles sairá a mellor tortilla desta décima edición na que participaron 19 establecementos. Por primeira vez, a selección realizouse a través dunha cata a cegas, é dicir, en lugar de probar a tortilla en cada establecemento participante, foron os hostaleiros os que a trasladaron ao Liceo para ser degustala polo xurado sen saber o nome do local onde se fixo.

O xurado desta edición está formado por representantes da Reserva da Biosfera, da asociación de comerciantes do Centro histórico; e entidades vinculadas á gastronomía.

Esta nova edición rematará hoxe 11 de outubro. Unha edición diferente á dos anos anteriores, pola Covid-19, e as medidas de seguridade que deberán cumprir os hostaleiros e hostaleiras, aínda que o obxectivo seguirá sendo o mesmo: a   promoción da tortilla e a hostalaría.

Precisamente, as novidades desta edición céntranse, especialmente, no xurado, tanto o semanal, que elixió o cinco tortillas finalistas, como o da propia final. Así, ademais da cata a cegas que concluiu onte entre o xurado semanal coa elección dos cinco finalistas, haberá outra cata a cegas o domingo ás 12:30 horas na que participará un xurado profesional encabezado polo chef e Estrela Michelín Luís Veira, de Árbore da Veira; Adrián Felipez de Miga e Hünico by Adrián Felípez do DoubleTree by Hilton A Coruña; e Dani López do Camiño do Inglés. Tres cociñeiros que son referencia en Galicia pola súa traxectoria profesional e que serán os encargados de elixir este ano a mellor tortilla de Betanzos nunha cata a cegas que será retransmitida polas redes sociais do Concello. Será a primeira vez que o xurado estea composto só por profesionais do sector. A final transmitirase en directo por www.facebook.com/BetanzosTanCerca

O prezo, do mesmo xeito que o anaco de tortilla que se ofrecerá en cada tapa, está recollido nas bases da organización, e será de 1,50 euros.

As persoas que proben a tortilla en cinco locais diferentes entrarán este ano de cinco experiencias gastronómicas para dúas persoas nun dos Restaurantes da Biosfera, certificados no ano 2019 na Marca de Calidade, coa colaboración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Para iso os participantes poderán entregar o cupón  co cinco selos dos locais participantes en calquera dos establecementos. O sorteo terá lugar o próximo 15 de outubro ás 13:00 h no Salón Azul do edificio Arquivo. Ademais nese mesmo cupón poderase votar pola mellor tortilla. A que máis votos reciba será a gañadora na categoría de PREMIO POPULAR.  Os locais participantes na Semana da Tortilla terán un cartel identificativo. A tortilla servirase entre as 12:00h e as 15:00h pola mañá e as 20:00 h e as 22:30 h, agás os venres e os sábados, nos que o horario será de 20:00 h a 23:30 h, aínda que un gran número de establecementos ampliarán este horario. Tamén haberá un concurso a través das redes sociais de Betanzos Tan Cerca, en Twitter @BetanzosCerca; en Facebook www.facebook.com/betanzostancerca e en Instagram @betanzostancerca.