Restaurante Sinuessa gaña a X edición Semana da Tortilla de Betanzos semana

708

Restaurante Sinuessa impúxose o pasado domingo 11 de outubro, na final da X edición da Semana da Tortilla de Betanzos por diante de restaurante Casanova, Vinoteca Versalles, Bar Galicia e  Casa Carmen. É a terceira ocasión na que  Sinuessa recibe este galardón despois de gañar en 2017 e 2018.

 

 

 

O xurado desta edición estivo formado por tres cociñeiros profesionais. Encabezado polo Chef e Estrela Michelín Luís Veira, de Árbore da Veira; xunto a Adrián Felipez de Miga e Hünico by Adrián Felípez do DoubleTree by Hilton A Coruña,  Dani López do Camiño do Inglés. Tres cociñeiros que son referencia en Galicia pola súa traxectoria profesional e que foron os encargados de escoller este ano a mellor tortilla de Betanzos nunha cata a cegas que foi transmitida polas redes sociais do Concello. Os tres destacaron a calidade do cinco tortillas presentadas, o nivel e “a dificultade para escoller a mellor do cinco”. O presidente do xurado destacou a “calidade da tortilla de Betanzos, que alcanzou situarse e ser claramente o referente deste produto en España”. Ademais, valorou o traballo que fai nesa promoción o Concello de Betanzos xunto aos hostaleiros e hostaleiras da cidade.

Ademais da cata a cegas realizada hoxe na final, anteriomente, o xurado semanal tamén escolleu os cinco finalistas a través doutra cata a cegas realizada entre os 19 establecementos participantes.

A alcaldesa, María Barral, agradeceu a colaboración e traballo do xurado e a implicación dos hostaleiros e hostaleiras “neste certame que cada ano vai a máis. Ese traballo fai que a repercusión que ten a Semana da Tortilla sexa máis importante cada ano e iso contribúe a que Betanzos sexa a día de hoxe o referente deste produto no noso país”. Neste sentido, subliñou o interese que desperta os medios de comunicación de toda España nesta semana da Tortilla.

Tras o xurado profesional, nos próximos días coñecerase o premio popular á mellor tortilla, que sairá dos votos emitidos por quen probasen esta semana a tortilla en, polo menos, cinco establecementos. Os participantes entrarán este ano no sorteo de cinco experiencias gastronómicas para dúas persoas nun dos Restaurantes da Biosfera, certificados no ano 2019 na Marca de Calidade, coa colaboración da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.