Barral logra o compromiso de Educación para executar a segunda fase de mellora do Vales Villamarín, pendente desde hai anos

210

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, aproveitou a visita do conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, á igrexa de Santa María de Azougue, para trasladarlle a necesidade “de que a Xunta inclúa como prioridade a mellora do colexio Vales Villamarín, pendente desde hai anos, dentro das actuacións de mellora de centros educativos que programe a Consellería”.

A primeira edil aproveitou a visita para explicarlle as necesidades do centro tendo en conta que a pesar de solicitar en varias ocasións unha entrevista co conselleiro “ata o de agora non foi posible que nos convocasen”.

María Barral indicou que se trata dunha petición “máis que coñecida” polo Xunta que leva “cruzada de brazos desde hai anos á hora de destinar os fondos necesarios ao colexio” a pesar das reiteradas peticións do Concello e da comunidade educativa.

Esa segunda fase de mellora no colexio quedou no esquecemento nos orzamentos autonómicos “unha vez máis, pero chegou o momento de que a Xunta as encare” para completar a primeira fase, realizada hai uns anos, e que supuxo unha importantisima mellora dunhas instalacións nas que estudan uns 900 alumnos. “Non podemos quedarnos de brazos cruzados. Un colexio como o Vales Villamarín non pode permanecer cunha parte arranxada e outra sen practicamente sin tocar. Con iso o único que está a facer a Xunta é discriminar a nenos e nenas de Betanzos tanto en relación con outros concellos ou colexios con moito menor número de alumnos; como entre os escolares do propio centro, que perciben diferenzas dependendo do lugar no que teñas clase dentro do edificio”.

Os traballos pendentes inclúen a renovación de xanelas, illamento do edificio, pintado, e a ampliación, urxente, do comedor escolar,  xa que agora estase utilizando o salón de actos como para este fin, limitando, evidentemente, as actividades escolares”.

María Barral lembrou a colaboración do Concello coa Xunta na realización de obras no colexio, a pesar “de non ser competencia directa”, como a reforma do patio cuberto do centro escolar, agora en fase de execución, que se une á mellora da zona de xogos infantís e patio de exterior, que realizou o propio Concello este pasado verán.

Tras a exposición realizada pola alcaldesa, o conselleiro comprometeuse a atender as demandas e “incorporar o investimento necesario tan pronto sexa posible”, aínda que a alcaldesa indició en que “non pode demorarse por máis tempo”.