Barral negocia coa Secretaría de Estado de Telecomunicacións a ampliación da fibra óptica a varios núcleos rurais

315

O goberno local reclamoulle á Secretaría de Estado de Telecomunicacións do Goberno central a declaración como “zona branca” de varios núcleos do municipio, entre eles, Piadela e Viladesuso. A alcaldesa, María Barral, que mantivo unha videoconferencia xunto co persoal técnico municipal con responsables da Secretaría de Estado, pediulle ao Goberno que inclúan esta “zona branca” co fin de que empresas do sector das telecomunicacións realicen os traballos necesarios para mellorar a cobertura de fibra óptica no municipio.

A primeira edil explicou que se trata dunha petición municipal e veciñal e que a día de hoxe, especialmente, pola situación derivada da pandemia, “o municipio non pode seguir tendo zonas que non dispoñan de fibra óptica ou núcleos nos que a cobertura provoque innumerables problemas na rede de conexión”. Por iso, desde o Concello esiximos que o Goberno central mellore a rede en Betanzos e que “esas zonas dispoñan canto antes de boas conexións”.

María Barral lembrou que hai moita veciñanza que “teletraballan; escolares que teñen que realizar os seus estudos en casa ou, mesmo, veciños e veciñas que utilizan asiduamente internet e que as condicións actuais lles provocan continuos problemas que afectan á súa vida diaria”.

O Concello tamén mantivo reunións con representantes de empresas operadoras co fin de que sexan “estas empresas as que tamén proxecten a ampliación da rede de fibra a zonas do concello que aínda non dispoñen dun ancho de banda suficiente para garantir un bo servizo”.

En principio, a Secretaría de Estado confirmoulle á alcaldesa que Betanzos será un dos municipios que se beneficien das actuacións programadas desde o Goberno de España, en canto investimentos, para ampliar a fibra óptica e que, Viladesuso e Piadela, e Montellos serán dous dos núcleos que se inclúan neste programa. Ademais o Concello solicitará tamén que se amplíe no Tarreo.