Barral proporá que o edificio do museo, a biblioteca, e o arquivo leven o nome Centro Cultural San Domingos-Vicente de la Fuente

377
O edificio que alberga o Museo das Mariñas, eo Arquivo e a biblioteca municipal pasará a denominarse “Centro cultural Santo Domingo-Vicente de la Fuente”.

O goberno local pretende dedicarlle o edificio cultural San Domingos ao exalcalde de Betanzos, Vicente de la Fuente García, recentemente falecido. Tras decretar tres días de loito oficial, a alcaldesa, María Barral, explicou que na próxima convocatoria da comisión de Distincións e Nomenclátor o goberno local ten intención de propor que o edificio que alberga o Museo das Mariñas, o arquivo e a biblioteca municipal leve o nome de exalcalde, Vicente de la Fuente, quen gobernou o municipio entre 1979 e 1983.

A alcaldesa explicou que foi Vicente de la Fuente quen como alcalde recuperou o arquivo municipal e puxo de novo en pé a biblioteca, recuperou en 1981 o Anuario Brigantino, tamén creou o Museo das Mariñas en febreiro de 1983, que forma parte do mesmo edificio. María Barral considera que a figura do exalcalde debe “ter o seu sitio e recoñecemento na cidade póndolle o seu nome a un edificio que alberga unha parte moi importante do traballo realizado pola primeira corporación democrática que tivo en Vicente de la Fuente a súa cabeza visible, nun momento no que se puxo a base dos servizos culturais que logo foron completando o resto de corporacións e alcaldes”.

A alcaldesa destacou tamén a colaboración que o Concello atopou sempre na figura de Vicente de la Fuente e a súa implicación e disposición en moitos actos institucionais. “Sempre se mostrou colaborador e sempre estivo preocupado pola situación municipal. Implicouse, xunto co resto de exalcaldes na celebración do 800 aniversario e noutros programas de carácter cultural, mostrando sempre e gran respecto pola institución, tendo sempre moi presente, por riba de todo, a Betanzos e o seu futuro”