O Concello mellora varias rúas do casco histórico e recuperará a porta medieval da Ponte Vella

460
Porta medieval da Ponte Vella

O goberno local acaba de adxudicar a contratación das obras de mellora de zonas destacadas do casco histórico dentro do Plan Único POS +2020. Trátase da mellora da urbanización da rúa Soportais Fonte de Unta, o seu acceso desde travesía do Progreso e da porta da Ponte Vella, procedéndose no caso da rúa Soportais Fonte de Unta á renovación das instalación de saneamento, abastecemento, e iluminación pública.

Como parte destacada do proxecto, recuperarase outra das portas medievais, a da Ponte Vella, e retirarase todo o cableado que agora forma un impacto negativo sobre este elemento patrimonial. En concreto, farase e instalación de canalización para futura eliminación de cableado eléctrico aéreo pegado ás fachadas, así como a renovación da pavimentación; e no caso da porta da Ponte Vella levarase a cabo a renovación dos servizos de saneamento e abastecemento e a instalación de canalizacións para a eliminación dos cableados de electricidade e telefonía que están pegados aos paramentos da porta medieval, segundo explicou a alcaldesa, María Barral.

A rúa Soportais da Fonte de Unta está pavimentada con chapacuña de pizarra con caras de corte irregular en toda a súa lonxitude, e presenta un pésimo aspecto no entroncamento coa rúa Fonte de Unta debido á reiterada apertura de gabias para intentar solucionar problemas existentes nos distintos servizos.

A rede de abastecemento de auga está composta por tubaxe de 80 mm de diámetro, e presenta una garantía de subministración moi deficiente que obrigou en xullo de 2019 á execución dunha rede provisional aérea, que será utilizada durante as obras, retirándose posteriormente.

A rede de iluminación pública nesta zona está composta por luminarias antigas con lámpadas halóxenas e de luz mixta, que se alimenta por un circuíto que discorre pola fachada dos edificios da Fonte de Unta.

Canto á Porta da Ponte Vella, as canalizacións do saneamento encóntranse en moi malas condicións e o cableado de electricidade e telefonía cruza a porta pegada aos seus paramentos, que cómpre eliminar para manter o seu valor patrimonial, xa que se trata dunha das tres portas que se conservan da cidade, catalogadas como BIC .

O orzamento dos traballos chegará aos 150 000 euros.

As obras suporán una importante mellora para a zona, e seguen a liña de actuación executada noutras rúas como a Cerca. A primeira edil destacou que “o obxectivo do grupo de goberno é seguir traballando na renovación de rúas, tanto na zona nova como no casco histórico, ás que se xuntan os traballos de pavimentacións que estamos a levar a cabo na zona rural”. A alcaldesa lembrou o esforzo de investimento do Concello en colaboración con outras administracións na renovación de todos estes servizos que “se facía necesario polo paso do tempo e a súa deterioración”.