Betanzos foi sede o pasado 29 de maio dunha xornada informativa para as cidades do Eixo Atlántico na que os responsables de programas europeos en España e Portugal informaron os asistentes sobre os seus obxectivos, prioridades e as mellores estratexias para preparar candidaturas exitosas.
Trátase de programas históricos como LIFE, que redefiniu os seus obxectivos e prioridades no ámbito do medio ambiente urbano e a sustentabilidade; Horizonte Europa, centrado na investigación, a innovación e o desenvolvemento sostible; ou a Nova Bauhaus Europea, que combina a creación de espazos coa inclusión social e a beleza estética, tre programas que forman parte dalgunhas das novas apostas da Comisión Europea ás que as cidades do Eixo Atlántico deben concorrer.
A inauguración da sesión, baixo o título “Innovando ou xeito de pensar vos nosos municipios”, estivo a cargo da alcaldesa de Betanzos, María Barral, e Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico.
Esta xornada enmárcase nunha das liñas de traballo do Eixo Atlántico, centrada en ofrecer información e formación ás cidades, especialmente en ámbitos innovadores, e en propoñer novas vías que incentiven a participación en convocatorias europeas que, á súa vez, xeren novas oportunidades de financiamento para a mellora do medio ambiente urbano.
Durante a xornada, na que se puxo de exemplo o traballo de Betanzos na obtención de fondos europeos Next Generation, o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, mandou unha mensaxe de “tranquilidade” aos entidades públicas que participaron no encontro ás que dixo que estes fondos europeos, lonxe de desaparecer, “son como a materia: nin se crean nin se destrúen, transfórmanse”.
Neste sentido, desde o Eixo Atlántico está a aconsellarse aos concellos asociados que non se limiten unicamente aos fondos tradicionais e que, sen renunciar a eles, aposten por novos programas que contan cunha importante dotación orzamentaria e un forte compoñente de innovación en materia de política urbana.











