O pavillón polideportivo cuberto do Carregal levará o nome do que fose presidente do club de baloncesto Santo Domingo Betanzos, José María Valeiro Iglesias “Tocayo” tras a aprobación por unanimidade de todos os grupos políticos no último pleno.
Tras o seu falecemento, o goberno local, de acordo con a nova directiva do club, propuxo á Comisión de Nomenclator e Distincións o cambio de nome do polideportivo municipal en homenaxe ao que fose presidente do Santo Domingo tendo en conta que a súa “impecable traxectoria e o seu indeleble legado deportivo” eran merecedores de ser lembrado “por todos e todas os betanceiros e betanceiras”.
O concelleiro de deportes, Ricardo Cheda, destacou no Pleno o traballo de “Tocayo” para fomentar o deporte base e a súa aposta polo deporte feminino. Entre outras cousas, explicou que “o empeño” do que fose presidente do club de baloncesto, co apoio do Concello, foi clave para que a Federación Galega de Baloncesto e a Federación Española concedesen durante anos a Betanzos a celebración dos campionatos de España de base.









