Betanzos acollerá mañán sábado día 20 de xuño a II edición de Cantos de Taberna, unha cita que volverá converter as rúas e os establecementos hostaleiros do centro histórico nun gran escenario para a música tradicional galega. Organizada pola Asociación Cultural A Fuliada e o Concello, a actividade desenvolverase entre as 19:30 e as 22:30 horas, cun percorrido musical por diferentes locais da cidade e coa participación de nove agrupacións de música tradicional.
Os grupos participantes nesta edición serán A Fuliada, Parabéns, Amarabela, Grupo Azougue, Dolaodosol, Foliada de Remior, Vireda da Cela, Viute o Demo, Brañas de Andrés e Nubeiro, que actuarán de forma itinerante por distintos establecementos hostaleiros do casco histórico.
Ao longo da tarde, os grupos ofrecerán actuacións en locais como Capitol Lolo, Lusco e Fusco, Soportal 25, Taberna Breogán, Ternera Grill, O Candil, A Tasca, Adega do Pino O Globo, O Bacel, Travesía Vinos, Kutako, Bar Galicia, Cafetería Plaza, Casa Carmen, Café de Segundo, Yocri, Pulpeira Pirri, Nueva Internacional, Triveca, Café Banca, A de Pedro, Zojo e Comer y Picar Vega, entre outros.
Como novidade destacada, a xornada contará tamén coa presenza dunha mostra de artesanía especializada en instrumentos tradicionais galegos, na que participarán nove artesáns: V. Martín González R., Iago Salgado, Artesanía J.M.R., Troula, Carlos da Silva Diz, J.R. Carballo, Sanín Percusión, Prado Arzúa Torneados e Pablo Quintana. O público poderá coñecer de primeira man os procesos de elaboración e os traballos destes profesionais que contribúen á conservación dos oficios vinculados á música tradicional.
A programación rematará ás 22:30 horas cunha gran foliada libre na Praza García Naveira. Este encontro final pretende converterse nun espazo de convivencia e celebración arredor da cultura popular galega, reunindo participantes e público nun ambiente festivo e participativo. Desde o Concello convídase a gozar dunha iniciativa que busca preservar e difundir a música tradicional, dinamizar a hostalaría local e fortalecer os lazos comunitarios a través da cultura.












