Comeza unha nova edición da universidade popular de Betanzos no museo das Mariñas

21
No acto participaron a alcaldesa de Betanzos, María Barral, o director do Museo das Mariñas, Ángel Arcay, e Antón Taboada e Ara-Sol Romero, da Asociación Sociocultural Zona Hadal que será a encargada de coordinar o proxecto.

Esta mañá presentouse no Museo das Mariñas unha nova edición da Universidade Popular de Betanzos, unha iniciativa que busca achegar a cultura a toda a veciñanza a través de todo tipo de actividades, moitas delas promovidas por veciños e veciñas da cidade.

A UPB busca, un ano máis, encher o verán betanceiro de todo tipo de accións culturais que van dende as conferencias ata obradoiros de todo tipo, repetindo tamén iniciativas que tiveron boa acollida no 2025 como os cursos temáticos de arte, arquitectura ou historia.

Unha das novidades desta edición é a existencia dun correo electrónico específico para anotarse en cada unha das actividades programadas, [email protected]. A primeira será o vindeiro martes 25 na Fundación CIEC, cunha conversa pública entre Pedro Galilea, director do Centro Internacional da Estampa Contemporánea, e a artista Regina Giménez.

A Universidade Popular de Betanzos é unha das iniciativas subvencionadas pola Xunta de Galicia dentro da súa liña de axudas a museos e conta tamén co respaldo económico da Deputación da Coruña e do Concello de Betanzos.