O Concello celebrou, o pasado xoves 18 de xuño, o sorteo público para a elección das persoas representantes das Festas Patronais de San Roque 2026, do que resultaron elixidas Myriam Arnoso Roca como Representante Maior e Iris Pena Martínez como Representante Infantil.
A figura das persoas representantes das festas substitúe desde hai varios anos á tradicional elección da raíña das festas, apostando por un modelo máis inclusivo e aberto á participación de toda a veciñanza. As persoas representantes convértense na imaxe das celebracións patronais, participando nos principais actos do programa festivo e encabezando os desfiles dos días grandes das festas, acompañadas polas súas respectivas comitivas.
Myriam Arnoso Roca afronta este nomeamento nun momento especialmente significativo da súa traxectoria persoal e académica. Con 18 anos recentemente cumpridos, acaba de rematar os seus estudos de Bacharelato no CPR nosa Señora do Carme-Atocha, obtendo unha excelente cualificación na PAU. O seu obxectivo é continuar a súa formación na Universidade de Santiago de Compostela, onde pretende cursar o Grao en Dereito.
Pola súa banda, Iris Pena Martínez será a encargada de representar á infancia betanceira nas festas deste ano, asumindo con ilusión un papel que lle permitirá vivir desde unha perspectiva única unha das celebracións máis importantes e queridas da cidade.
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, felicitou ás representantes elixidas e ás súas familias, destacando que “ser representante das Festas de San Roque é unha experiencia única que permite vivir as nosas celebracións desde dentro e converterse durante uns días na mellor embaixadora de Betanzos e das súas tradicións”
Barral subliñou ademais que “estas festas son unha das grandes sinais de identidade da nosa cidade e constitúen un motivo de orgullo para toda a veciñanza. Estou convencida de que tanto Myriam como Iris desempeñarán este papel con ilusión, responsabilidade e entusiasmo, representando á perfección á mocidade e á infancia betanceira”.
A rexedora desexou ás dúas representantes que “gocen intensamente desta experiencia inesquecible, participando en cada acto e creando recordos que as acompañarán toda a vida”, ao tempo que lles agradeceu a súa disposición para formar parte dun dos capítulos máis especiais das Festas de San Roque 2026.
As Festas de San Roque constitúen unha das citas máis emblemáticas do calendario festivo galego e un dos principais símbolos da identidade cultural de Betanzos, reunindo cada ano a milleiros de persoas arredor da tradición, da música, da cultura e da convivencia.












