Betanzos encherase de música co evento “Rondando no Casco” o vindeiro 27 de xuño

27

O Casco Histórico de Betanzos converterase nun gran escenario ao aire libre o próximo venres 27 de xuño coa celebración de “Rondando no Casco”, unha iniciativa organizada pola Agrupación Musical de Pulso e Púa “Carlos Seijo” coa colaboración do Concello de Betanzos, da Asociación Amigos do Casco Histórico de Betanzos e da Asociación Chescasco, entidades comprometidas coa promoción e dinamización do centro histórico da cidade.

A programación comezará ás 18:30 horas cunha animada ronda musical polas rúas do Casco Histórico, que percorrerá distintos puntos emblemáticos da cidade. O itinerario partirá da Igrexa de San Francisco e continuará por Rúa Travesa, Praza da Vila, Praza Irmáns García Naveira, Rúa do Castro, Rúa Roldán e Rúa Pescadería, para regresar novamente á Igrexa de San Francisco.

Nesta ronda participarán a Rondalla Nas Ondas do Mar, a Rondalla Mugardesa e a propia Agrupación Musical de Pulso e Púa “Carlos Seijo”, que levarán a súa música polas rúas do casco histórico nunha proposta pensada para achegar a tradición musical á veciñanza e ás persoas visitantes.

Como broche final da xornada, ás 19:30 horas, celebrarase un concerto conxunto na Igrexa de San Francisco, no que actuarán as tres formacións participantes, ofrecendo un repertorio compartido nun dos espazos patrimoniais máis emblemáticos de Betanzos.

“Rondando no Casco” nace co obxectivo de poñer en valor o patrimonio histórico e cultural de Betanzos a través da música, fomentando a participación cidadá e contribuíndo á dinamización do centro histórico.

Desde o Concello de Betanzos anímase á veciñanza e ás persoas que visiten a cidade a participar nesta cita cultural e gozar dunha tarde na que música e patrimonio volverán ir da man no corazón da cidade.