A Aula de Cultura Xulio Cuns acolleu o pasado 14 de xuño a clausura do curso 2025/26 da Escola Municipal de Folclore (EMuF) de Betanzos, nun acto que reuniu alumnado, familias, profesorado e veciñanza para celebrar un ano máis de aprendizaxe, convivencia e compromiso coa conservación das nosas tradicións.
Durante a xornada, os diferentes grupos da escola ofreceron unha mostra do traballo desenvolvido ao longo do curso, con actuacións de música e baile tradicional que puxeron en valor o esforzo e a dedicación do alumnado de todas as idades, así como o importante labor formativo que a EMuF desenvolve desde hai catro décadas.
Un dos momentos máis especiais e emotivos do acto foi a homenaxe a Elena Díaz, directora da Escola Municipal de Folclore durante os últimos 40 anos. O recoñecemento serviu para agradecer a súa entrega, a súa paixón pola cultura tradicional galega e o seu papel fundamental na creación, consolidación e crecemento da escola, converténdoa nun referente do folclore e da transmisión do patrimonio cultural en Betanzos.
Ao longo destas catro décadas, Elena Díaz contribuíu a formar xeracións de bailaríns, promovendo o amor polas tradicións populares e fortalecendo a identidade cultural do municipio.
O Concello de Betanzos quere expresar o seu agradecemento a todas as persoas que forman parte da familia da EMuF —alumnado, profesorado, antigas e antigos integrantes, familias e persoas colaboradoras— polo seu compromiso e implicación, así como felicitar a Elena Díaz por unha traxectoria exemplar ao servizo da cultura galega.
Nesta información inclúese unha galería de imaxes do acto de clausura e da homenaxe celebrada o pasado 14 de xuño.












