Betanzos conclúe a formación “Empregabilidade e coidados” xunto con outros catro concellos da contorna

349
A alcaldesa de Betanzos María Barral, o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, xunto aos alcaldes de Abegondo, Carral, Coirós e Paderne e o alumnado e personal administrativo do obradoiro nos exteriores do edificio arquivo Liceo.

O Concello de Betanzos xunto co de Abegondo, Carral, Coirós e Paderne concluíu hoxe o Obradoiro de emprego de empregabilidade e coidados, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade  e cofinanciado polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social que tivo unha duración de nove meses. O Obradoiro de emprego consistiu nun programa mixto de emprego e formación dirixido a persoas desempregadas no que participaron un total de vinte persoas que durante nove meses realizaron unha formación específica nos certificados de profesionalidade de atención sociosanitaria en domicilios; atención sociosanitaria en institución sociais e promoción e intervención educativa con persoas con discapacidade. Ademais, realizaron módulos transversais en prevención de riscos laborais, alfabetización informática, sensibilización ambiental, sensibilización en igualdade de xénero, orientación laboral e formación empresarial.

O obxectivo dos obradoiros de emprego é que o alumnado participante obtivese o certificado de profesionalidade que os habilite para traballar en calquera dos centros de atención sociosanitaria para persoas dependentes ou en calquera servizo de axuda no fogar. Esta habilitación é válida para traballar en calquera Comunidade Autónoma. Ademais, adquiriron as competencias e ferramentas necesarias para realizar unha busca de emprego que lles facilite a inserción laboral.

Os 6 alumnos e alumnas que realizaron a formación de atención sociosanitaria a persoas no domicilio realizaron as prácticas profesionais non laborais no Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Betanzos. Os outros 6 alumnos e alumnas do obradoiro, que están a realizar o certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, fixeron estas prácticas non laborais na Residencia García Hermanos e no Centro Pai Menni de Betanzos. Por último, 8 alumnos e alumnas participaron na especialidade de promoción e intervención educativa con persoas con discapacidade.

Clausura do obradoiro de “Empregabilidade e coidados” no salón azul do edificio Liceo

A previsión de inserción laboral, segundo explicou a alcaldesa de Betanzos, María Barral, é dun 80% do alumnado. Estes datos reflicten para a primeira edil a importancia que ten esta formación para facilitar a inserción laboral e a aposta dos concellos por seguir impartindo estes obradoiros, xunto a Xunta, “de maneira conxunta tendo en conta os datos de inserción alcanzados durante estos últimos anos en todos os proxectos desenvolvidos en conxunto polos nosos concellos o que fai que sigamos nesta liña de traballo e colaboración no futuro”.