O Salón Azul do edificio Arquivo acolleu o pasado venres 5 de xuño, unha nova parada do programa “Toponimízate”, unha iniciativa impulsada pola Secretaría Xeral da Lingua e a Real Academia Galega para poñer en valor a riqueza da toponimia galega e fomentar a participación cidadá na súa conservación.
A xornada contou coa participación de Vicente Feijoo, coordinador da Unidade Técnica de Toponimia da Real Academia Galega e do proxecto colaborativo Galicia Nomeada, quen explicou o enorme valor histórico, cultural e lingüístico dos microtopónimos e salientou a importancia de preservar este patrimonio, transmitido durante séculos de xeración en xeración principalmente a través da tradición oral.
O acto contou tamén coa presenza de María Barral, alcaldesa de Betanzos, e de Ana Veiga, concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Honras e Distincións e Turismo, que destacaron a importancia de iniciativas coma esta para protexer e difundir o patrimonio cultural inmaterial do municipio e de Galicia.
Durante a conferencia, as persoas asistentes puideron coñecer o funcionamento da plataforma Galicia Nomeada, aprendendo como rexistrarse, incorporar novos topónimos e achegar información que contribúa á recuperación e conservación destes nomes tradicionais. Ademais, abordáronse algúns dos microtopónimos máis singulares do concello de Betanzos, o que espertou un grande interese entre o público e propiciou un enriquecedor intercambio de experiencias, lembranzas e coñecementos.
Con máis de 110.000 topónimos recollidos en toda a comunidade, o proxecto Galicia Nomeada continúa medrando grazas á colaboración cidadá. Desde o Concello de Betanzos anímase á veciñanza a seguir participando para evitar que moitos destes nomes tradicionais desaparezan co paso do tempo e contribuír así á preservación dunha parte esencial da nosa identidade colectiva.
Para máis información, preme AQUÍ












