Betanzos pon en marcha un novo obradoiro de emprego no ámbito sociosanitario para formar 20 persoas durante nove meses

11
No acto participaron a alcaldesa de Betanzos, María Barral; o concelleiro de Formación e Emprego, Ricardo Cheda; o alcalde de Coirós, Francisco Quintela; Concello co que se asociou Betanzos para o desenvolvemento do programa;  e o director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na Coruña, Juan José Couce.

O Concello presentou un novo Obradoiro de Emprego no ámbito sociosanitario que permitirá formar a 20 alumnos durante un período de nove meses nun sector cunha elevada demanda laboral.

O alumnado recibirá formación conducente á obtención dos certificados de profesionalidade de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e Promoción e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade.

A alcaldesa de Betanzos, María Barral, destacou durante a presentación do obradoiro a importancia deste tipo de programas para mellorar a cualificación profesional e facilitar a inserción laboral. “Betanzos sempre está aberto a colaborar coa Xunta e cos concellos da contorna”, sinalou. Barral indicou que existe unha amplísima demanda de traballo neste sector e de ahí a aposta do Concello por organizar e promover este tipo de programas formativos a través das axudas da Xunta”. Por iso, animou ao alumnado a aproveitar ao máximo esta oportunidade formativa: “Despois destes nove meses, practicamente seguro que contaredes con ofertas de emprego moi preto das vosas casas, ben en Betanzos ou ben en Coirós”.

A alcaldesa agradeceu tamén o traballo do persoal docente, da dirección do obradoiro, do Concello de Coirós e da Xunta, e expresou o seu desexo de que “dentro de nove meses entreguemos eses certificados e nos contedes que xa comezastes a traballar, porque iso será unhaa gran noticia”.

Pola súa banda, o concelleiro de Formación e Emprego, Ricardo Cheda, puxo en valor o esforzo realizado polas administracións para captar este tipo de programas e agradeceu o apoio da Xunta para facer posible a iniciativa. O edil explicou que o obradoiro terá unha duración de nove meses, cunha primeira fase de formación teórico-práctica que se desenvolverá no Centro de Formación Ocupacional de Betanzos durante aproximadamente catro meses, seguida dun período de prácticas profesionais.

Cheda quixo agradecer especialmente a colaboración das entidades participantes, entre elas a Fundación Hospitalarias Pai Menni, a Residencia García Hermanos, Aspace, Aspronaga e Idades, empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Betanzos. “Sen todas estas institucións sería imposible ofertar un Obradoiro de Emprego como este”, destacou.

O concelleiro subliñou tamén os excelentes resultados acadados nas edicións anteriores, lembrando que o último obradoiro desenvolvido polo Concello rexistrou unha “empregabilidade altísima, practicamente da totalidade do alumnado”, unha realidade que anima ao goberno local a seguir apostando por este tipo de accións formativas.

Así mesmo, destacou que a presenza de numerosas entidades sociosanitarias na comarca e a demanda constante de profesionais cualificados xustifican plenamente a continuidade destes programas. “Estamos convencidos de que a alta empregabilidade e a presenza de institucións sociais tan importantes como as que temos no noso municipio e nos concellos da contorna merecen unha man de obra que demandan ano tras ano”, indicou.

O novo Obradoiro Dual de Emprego reforza así a aposta do Concello pola formación cualificada e pola creación de oportunidades laborais nun sector estratéxico para o presente e o futuro da comarca.

Galería de imaxes do acto de presentación do novo Obradoiro Dual de Emprego, celebrado en Betanzos.