O Concello trasladará á Xunta a súa intención de prorrogar o convenio de transporte metropolitano a condición de que se melloren as condicións do servizo que as persoas usuarias e o Concello levan anos reclamando. A alcaldesa, María Barral, considera que nestes momentos, sen que se aborden esas reclamacións, “Betanzos non manterá o convenio actual” e a súa intención é notificarlle esta decisión á Dirección Xeral de Mobilidade antes do 1 de decembro.
A primeira edil dixo “entender perfectamente” aos alcaldes da comarca das Mariñas xa que practicamente “os problemas que padecen son os que padecemos en Betanzos con outras compañías de transporte”.
Barral Varela indicou que nos últimos anos o Concello trasladoulle á Xunta o seu malestar pola situación e aínda que se fixeron modificacións “non foron suficientes para liquidar os problemas, centrados nunha falta de planificación do servizo, con frecuencias que non se axustan e non cobren as necesidades dos betanceiros e das betanceiras; con autobuses que en ocasións non aparecen na parada ou, todo o contrario, cando aparecen chegan con case todas as prazas cubertas e deixan a xente en terra”.
“Neste sentido, reiterou que non se trata dunha cuestión puntual, nin dun enfrontamento político, senón duns problemas que, a pesar das denuncias realizadas, seguen liquidarse e agora é o momento de abordalos antes de continuar cun convenio que se asinou para prestar un servizo non cumpre nin cobre en moitos aspectos as necesidades do noso municipio”.
Nos últimos anos Betanzos solicitoulle en varias ocasións, á anterior conselleira, responsable de Mobilidade, Éthel Vázquez, a convocatoria da comisión de seguimento para que “puidésemos expor sobre a mesa os problemas e queixas das persoas usuarias”. Esta comisión nunca se chegou a convocar, nin tampouco se lle deu solución aos horarios que non se adaptan ás necesidades dos betanceiros e das betanceiras, especialmente nos seus desprazamentos cara á Coruña. “O único que conseguimos foi trasladarlle no seu día as nosas queixas á delegación territorial á que lle pedimos reforzos e melloras nos desprazamentos a centros sanitarios, a polígonos industriais e á universidade e ían estudarse pero a día de hoxe non houbo cambios”, indicou.
Por non haber melloras, lembrou a alcaldesa, nin tan sequera as houbo “para instalar, como se comprometeron” un panel informativo cos horarios de paso dos autobuses xa que ao non ser agora inicio de percorrido “moitas veces as persoas usuarias non saben se o bus pasou ou aínda non chegou á parada”.
Betanzos agarda que estas cuestións poidan ser abordadas pola Xunta con outro talante que o amosado “polo anterior equipo de mobilidade” e que se poidan ofrecer garantías de mellora do servizo ao que achegamos un 20% sen que sexa competencia municipal”. Se achegamos queremos que funcione”. María Barral indicou que aínda que as reclamacións dos alcaldes da comarca da Coruña son similares en moitos aspectos ás que pode expor Betanzos son zonas diferencias no servizo e “cuxos problemas deben tratarse por separado”.









