Betanzos expón crear un centro de ámbito social no antigo ambulatorio que incluiría o centro de día municipal e outros servizos promovidos por entidades da cidade

346
A alcaldesa María Barral e o concelleiro de participación cidadá Ricardo Cheda xunto a os representantes dos colectivos de maiores no salón azul do edificio arquivo Liceo

Estamos a traballar con outras entidades de Betanzos para crear no antigo ambulatorio un centro de carácter social no que cada unha delas, por separado, poden desenvolver os seus proxectos nese ámbito social e o Concello o seu que, neste caso, sería o centro de día”. Así o anunciou a alcaldesa, María Barral, durante o encontro que mantivo con representantes dos colectivos de maiores que participaron hai uns meses no “Pleno de maiores” para analizar as propostas presentadas nese pleno “e ver o estado no que se atopan”.

Entre elas, había unha petición de crear ou poñer en marcha un centro de día. A primeira edil explicou que nas últimas semanas mantivéronse contactos con dúas entidades da cidade ás que podería encaixar “un espazo como o do antigo ambulatorio para o desenvolvemento da súa actividade”. Esta circunstancia abre a porta a que o Concello tamén puidese desenvolver o proxecto do centro de día nunha parte do edificio. As tres iniciativas sociais contarían co visto e prace da Seguridade Social, como propietaria do edificio, polo que “imos seguir traballando nesa liña.

A primeira edil indicou que ningunha das propostas aprobadas no pleno de maiores caeu en saco roto. “Algunhas están moi avanzadas, noutras está a traballarse e outras están aínda pendentes, pero entendemos que todas son importantes para o colectivo e imos tentar que a maior parte das mesmas sexan atendidas, pero é imposible facelo todas ao mesmo tempo”, indicou María Barral.

Outra das peticións do colectivo durante o pleno foi a mellora do transporte metropolitano, queixas que a alcaldesa levará, xunto á doutros colectivos, á mesa de seguimento do Transporte Metropolitano prevista para o próximo día 1. A maiores anunciou que o Concello estuda varios cambios en canto ao denominado servizo de transporte adaptado para reconvertelo nunha liña intermunicipal. “Estamos a estudar poñer en marcha esta liña, frecuencia da mesma e percorrido, que en todo caso non pisarse coas liñas de transporte público que realizan distintos servizos no municipio”.

Entre os asuntos tratados na reunión, María Barral tamén explicou o programa de subvencións municipais en concorrencia competitiva, ás que se poden presentar estes colectivos para así poder subvencionar actividades; ou a creación do Consello municipal de Maiores, coa idea de poñelo en marcha de fronte ao próximo inverno.

Barral confirmou que outra das peticións do pleno, como era o encontro de maiores, celebrarase o próximo mes de setembro no Pasatempo e que en conto a equipamentos demandados está en proceso a licitación do novo pantalán A Tolerancia, “sen esquecer a instalación de aseos públicos, tan pronto como sexa, na zona portuaria e no Malecón”.