Betanzos fai unha balance “positivo” das festas pola “alta participación” e o que supoñen para a economía local

30
O Globo elevouse de novo ao ceo de Betanzos nunha tradición que o próximo ano cumprirá o seu 150 aniversario

Betanzos pechou as festas patronais de San Roque con resultados “moi satisfactorios”, segundo o balance que fixo hoxe a alcaldesa, María Barral, “especialmente pola participación que tiveron e a súa repercusión, á marxe, da importancia que teñen para a economía local”.

A primeira edil destacou a importancia das festas “a nivel autonómico” que as converten “claramente nun referente do verán en Galicia”. Aludiu, neste sentido, á repercusión que teñen polo seu “carácter único” e a súa programación de actividades para todas as idades o que fai que “teñamos eses datos de altísima participación tanto dos propios betanceiros e betanceiras como de persoas da comarca e turistas que eses días están na nosa comunidade”.

María Barral amosou o seu agradecemento aos integrantes da Función Globo de San Roque, que ela preside, polo traballo realizado, especialmente “a todos e cada un dos colaboradores que se esforzaron ao máximo para que o Globo se elevase de novo ao ceo de Betanzos nunha tradición que o próximo ano cumprirá o seu 150 aniversario e na que desde a Fundación e o Concello se traballará conxuntamente para que sexa algo especial”.

SAN ROQUE 2024
GLOBO
16-agosto-2024

Explicou que esa noite, a do 16, foi “a xornada máis especial por todo o que representa para os betanceiros e betanceiras, unha emoción que Betanzos quixo compartir con toda Galicia e cos betanceiros e as betanceiras que están no exterior a través da TVG coa transmisión en directo do lanzamento do Globo”. Neste punto, agradeceulle aos responsables da televisión pública “a cobertura especial que fixeron esa noite”. Á marxe do Globo, como era previsible, “as actuacións de Panorama, París de Noia, Chenoa, e as dúas xiras aos Caneiros ao que se suman os  eventos deportivos, actividades de música, infantís ou tradicionais como a “cucaña” fixeron que as festas obtivesen cifras marca en canto a participación. María Barral fixo mención especial tamén ás comitivas de representantes das festas, como parte fundamental da programación; e agradeceu os magníficos pregóns, con Carlos Arévalo, “co plus da medalla conseguida en París” e de Sergio Abrodos.

Indicou que a falta de dispor dun balance final, polo seguimento que se fixo do funcionamento das atraccións no Carregal “consideramos que o cambio foi positivo”. Sabemos que temos que mellorar algúns aspectos, que se corrixirán para o próximo ano, no que esperamos contar cunha oferta máis ampla de atraccións”.

María Barral agradeceulle o traballo dos servizos municipais e de traballadores e traballadoras municipais “para que todo saíse ben” e ao tecido empresarial “que colaborou, a través do libro das festas, co Concello co desexo de que o próximo ano sexan moitos máis”.

Os servizos municipais realizaron as tarefas de limpeza do campo dos Caneiros coa retirada duns 3000 quilos de residuos. Tamén se realizou unha limpeza “especial” nas rúas da cidade durante as festas.