O Concello acaba de levantar as restricións de consumo de auga do servizo de abastecemento despois de recibir a comunicación de Sanidade indicando de que as últimas análises cualificasen a auga como “apta” para consumo. Deste xeito ponse fin as restricións iniciadas o pasado 22 de xullo ao coñecer que os resultados das probas feitas o 20 do mesmo mes pola empresa concesionaria daban presenza de norovirus.

Así, levántase as restricións en todo o termo municipal incluídos os núcleos que dependen do depósito de Xanrozo como A Graña, Guiliade, Piadela, Viladesuso, Castro, Infesta, O Farragoto, Abelasres e parte da Condomiña despois de que tras o tratamento feito pola empresa tamén se conseguise eliminar a presenza de norovirus.

A alcaldesa, María Barral, destaca que “seguimos no camiño axeitado para evitar novos episodios de gastroenterite como no mes de xuño e seguimos traballando para que ningún veciño ou veciña de Betanzos, así como calquera persoa que nos visite, se sinta atemorizado ou inseguro ao consumir a auga municipal”. “A nosa prioridade como Concello é velar pola seguridade e a saúde de todos e todas, por iso seguiremos en estreito contacto tanto con Viaqua como con Sanidade para intentar que este tipo de situacións non se produzan de novo”, afirma a rexedora.

O Concello e a empresa concesionaria mantiveron ata este xoves o servizo de abastecemento a través de tres cisternas que cada día renovaban a auga e mediante as cales se repartían 15.000 litros. Entre as actuacións levadas a cabo por parte do Concello tamén se atopaba a entrega de garrafas de auga para cubrir as necesidades de diversos colectivos, maiores de 75 anos que viven sós, familias vulnerables ou veciños con problemas de mobilidade.

O Concello, ademais da denuncia feita ante o Xulgado para que se investigue a orixe das verteduras no río, volveu a insistir na necesidade de que por parte de Augas de Galicia se faga un estudio palmo a palmo no río para determinar os puntos de vertido augas arriba da captación de auga municipal no río Mendo, xa que todos os resultados e mostras feitas por Viaqua indicaron presenza de norovirus no río.