Betanzos libera de mobiliario os soportais para cumprir a distancia de seguridade entre persoas polo coronavirus

919

O Concello anunciou que os soportais da praza dos Irmáns García Naveira habilitaranse como paso peonil na súa totalidade. As normativas de seguridade canto á distancia de dous metros entre persoas como consecuencia do coronavirus fai que o Concello tomase a decisión de que os hostaleiros retiren as mesas que tiñan nos Soportais para que poidan transitar en ambos os sentidos os peóns, e evitar así ter que sortear o mobiliario.

Os hostaleiros e hostaleiras, como xa anunciou o Concello hai uns días, veranse compensados coa ampliación da superficie das súas terrazas a condición de que sexa posible e baixo a premisa de garantir o paso de peóns. O obxectivo é flexibilizar ao máximo a redución de capacidade marcada nesta fase de desescalada polo Estado e “axudar aos hostaleiros e hostaleiras” a que poidan aumentar a superficie de maneira “temporal e extraordinaria” para que perdan o menor número de mesas posibles, tendo en conta da redución de capacidade que tamén terán os locais no seu interior.

Os servizos de Urbanismo serán os que autoricen a ampliación dun 25% da superficie que actualmente ten cada establecemento. No entanto, as características da zona, a súa localización, e que a ampliación non afecte, en ningún caso, ao paso peonil, e permita manter as distancias de seguridade esixidas nas normativas estatais, “marcarán se se pode ou non autorizar a ampliación”.

NOVO APARCADOIRO DE VEHÍCULOS

Neste sentido, a ampliación de terrazas de hostalaría na zona da Cruz Verde e Os Ánxeles levou aparellada a perda de ata 12 prazas de aparcadoiro. Para compensar este número o Concello anunciou hoxe que habilitará desde mañá a praza do Paseo da Tolerancia para poder estacionar, especialmente, os residentes das dúas zonas afectadas pola perda das prazas de aparcadoiro. En total habilitaranse unhas 15 prazas na Tolerancia.

O goberno local reiterou que se trata de medidas excepcionais, tanto a ampliación das terrazas como o aparcadoiro da Tolerancia, encadradas nas actuacións de apoio ao comercio e a hostalaría.

Xunto con esta medida, e outras axudas directas que o Concello prepara para a hostalaría, o comercio e as pequenas empresas, máis de redución de impostos, o goberno local anunciou tamén que a supresión do pagamento municipal por terrazas, dentro do programa de accións de axuda á economía local.