Betanzos manterá o convenio do transporte metropolitano unha vez que a Xunta se compromete a atender as demandas municipais

240

Mellorar a información ás persoas usuarias, estudar melloras nas conexións coa universidade e polígonos industriais, redefinir algunhas frecuencias e convocar a comisión de seguimento. Eses foron os catros aspectos nos que alcaldesa, María Barral, incidiu ante a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, durante a conversa mantida entre ambas as dúas como condicións como prorrogar o convenio de transporte metropolitano.

 A primeira edil destacou a disposición da directora xeral para atender estas demandas “que ata agora non foran atendidas polo anterior autonómico” despois de que en varias ocasións a propia alcaldesa lle trasladase estes problemas á entón conselleira Éthel Vázquez, convidándoa, incluso, a que “ela mesma  comprobase os problemas que tiñan e que, en grande medida, seguimos padecendo as persoas usuarias do transporte público. Nunca aceptou ese convite”.

María Barral explicou que a pesar do tempo transcorrido e que desde a delegación territorial atendeuse algunha demanda puntual o problema puntual, o certo é que “hai melloras que deben ser solventadas por parte da Xunta como condición para asinar o convenio e así llo fixen saber á directora xeral”. Como primeira medida está a mellora da información. Moitas persoas usuarias descoñecen, cando chegan á parada “se o autobús pasou ou non ao non dispoñer de ningún tipo de información e non ser inicio do percorrido como ocorría coa anterior concesión de liñas onde Betanzos se era inicio de percorrido”. Esta situación provoca que moitas veces persoas usuarias se despracen noutros medios de transporte ante a incerteza que esa falta de coñecemento, de saber se o bus pasou ou non, provócalles cando teñen que chegar á Coruña a unha hora determinada por temas de médicos ou aulas, por exemplo.

A alcaldesa incidiu tamén en que se redefinan as frecuencias, xa que hai horarios saturados, nos que “os autobuses chegan case chegan ás paradas e non é a primeira vez que teñen que deixar, por falta de asentos, a xente na parada sen outra alternativa; e horarios nos que vai practicamente baleiro. Coidamos que hai que reforzar algúns servizos para evitar situacións”.

Tamén pediu que se potencia e faciliten as conexións coa universidade e cos polígonos industriais. É necesario facilitar eses traslados, a distintas horas do día e para isto teñen que darse unha serie de cambios en canto á programación do horario das frecuencias”. María Barral indicou que estas propostas tería que terse proposto na comisión de seguimento que está previsto dentro do convenio e que leva sen convocarse desde hai anos a pesar das peticións realizadas desde Betanzos e outros moitos concellos. A súa convocatoria tamén foi unha das peticións por parte da alcaldesa á directora xeral “para que este servizo, que é fundamental para a veciñanza de Betanzos se realice nas mellores condicións, atendendo ás demandas e necesidades”.

María Barral indicou que as reivindicacións responden a “un interese do Concello porque o servizo, ao que lle achega un 20% sen que sexa competencia municipal, funcione correctamente. Non se trata dunha cuestión puntual, nin  dun enfrontamento político, senón duns problemas que, a pesar das denuncias realizadas, non se resolveron e agora é o momento de abordalos antes de continuar cun convenio”.