Neste 2024 o comercio, locais de hostalaría, máis tecido asociativo e entidades betanceiras decorarán os seus locais e escaparates con mensaxes relacionados coa violencia vicaria e as súas distintas manifestacións, á vez que terán á súa disposición diferentes materiais de sensibilización para a cidadanía. Frases como “ameazar con danar á familia ou exparella é violencia vicaria”, “incitar ao odio aos e ás menores é violencia vicaria, secuestrar aos/ás fillos/as da parella ou exparella é violencia vicaria”, “manipular aos e ás menores no réxime de visitas é violencia vicaria”, “impedir o benestar psicolóxico dos e das menores é violencia vicaria”, “Matar aos/ás fillos/as da parella ou exparella é violencia vicaria”, serán recollidas neses carteis da campaña, presentada hoxe pola alcaldesa, María Barral.
Na campaña tampouco faltarán actividades coeducativas, coa programación de obradoiros tanto nos centros educativos de primaria como de secundaria, sobre temas tan relevantes como o bo trato ou a prevención do acoso na rúa. A campaña contará tamén cun curso de defensa persoal, impartido por profesionais expertos na materia, e que servirá para previr posibles situacións de risco e, de producirse, saber actuar ante elas.
O xoves 28 desenvolverase o faladoiro “Violencia Vicaria. Menores en risco” da man de profesionais da intervención social, vinculados directamente co tratamento de casos de violencia de xénero.
Concederase tamén o Distintivo Muller Emprendedora. Toda unha vida, para unha betanceira que leva máis de 25 anos ao fronte do seu negocio, realizarase o venres 29.
A maiores, o Concello de Betanzos colaborará tamén por cuarto ano consecutivo na campaña De fronte da Deputación Provincial da Coruña en contra das violencia machistas.










