
Betanzos contra as violencias. Un ano máis, o Concello desenvolverá diversas actividades dentro da programación polo 25 de novembro poñendo o foco, este ano, na violencia vicaria.
Neste 2024 o comercio, locais de hostalaría, máis tecido asociativo e entidades betanceiras decorarán os seus locais e escaparates con mensaxes relacionados coa violencia vicaria e as súas distintas manifestacións, á vez que terán á súa disposición diferentes materiais de sensibilización para a cidadanía. Frases como “Ameazar con danar á familia ou exparella é violencia vicaria”; “Incitar ao odio aos e ás menores é violencia vicaria; secuestrar aos fillos ou fillas da parella ou exparella é violencia vicaria”, “manipular aos e ás menores no réxime de visitas é violencia vicaria”, “Impedir o benestar psicolóxico dos e das menores é violencia vicaria”, “matar aos fillos e fillas da parella ou exparella é violencia vicaria”, serán recollidas neses carteis da campaña, presentada hoxe pola alcaldesa, María Barral.
Na campaña tampouco faltarán actividades coeducativas, coa programación de obradoiros tanto nos centros educativos de primaria como de secundaria, sobre temas tan relevantes como o bo trato ou a prevención do acoso na rúa. A campaña contará tamén cun curso de defensa persoal, impartido por profesionais expertos na materia, e que servirá para previr posibles situacións de risco e, de producirse, saber actuar ante elas.
Realizarase unha nova edición do Roteiro Betanzos en Feminino o día 23, e o propio día 25 darase lectura ao Manifesto institucional na Praza da Constitución, contando coa colaboración do alumnado de secundaria.
O xoves 28 desenvolverase o faladoiro Violencia Vicaria. Menores en risco da man de profesionais da intervención social, vinculados directamente co tratamento de casos de violencia de xénero.
Concederase tamén o Distintivo Muller Emprendedora. Toda unha vida, para unha betanceira que leva máis de 25 anos ao fronte do seu negocio, que se celebrará o venres 29.
A maiores, o Concello de Betanzos colaborará tamén por cuarto ano consecutivo na campaña De fronte da Deputación Provincial da Coruña en contra das violencia machistas.










