O Concello daralle apoio, cunha persoa coidadora, a unha alumna invidente do IES Francisco Aguiar á que a Xunta llo retirou este curso

557

O Concello facilitaralle a unha alumna invidente do instituto Francisco Aguiar un coidador durante o tempo “que Educación non cubra esta necesidade” despois de que a Xunta “llo retirase para este curso, tras telo en primeiro e segundo de ESO”. Así o anunciou hoxe a alcaldesa, María Barral, despois de coñecer a denuncia efectuada pola ANPA O Carregal, do instituto, sobre a situación desta alumna.

A primeira edil confirmou á asociación de pais e nais que o Concello “sumouse hoxe mesmo á súa petición” ao delegado territorial de Educación para que “envíe persoal adecuado para cubrir a necesidade da alumna”. O Concello remitiulle, por Rexistro, esta petición á vez que lle lle trasladou á ANPA a decisión de cubrir este servizo durante o tempo “que a Xunta non asuma as súas competencias, a pesar de ter dereito a iso”.

No seu escrito, a ANPA explica que esta alumna non ten as cubertas “ás súas necesidades que si tiña en primeiro e en segundo de ESO” e que este ano “Educación prescindiu da persoa encargada deste servizo no cadro de persoal do instituto”. Desta situación, explica a ANPA, xa é coñecedor o delegado provincial posto que “foi comentada desde a dirección do instituto, desde a que se reclamou con urxencia solución a esta situación, enviando un correo electrónico o 11 de setembro a un inspector”. Ata onde é coñecedora a dirección do centro, esta información “foi trasladada ao seu responsable superior, mais dous meses despois continúa a mesma situación”.

A ANPA lembra no seu escrito, apoiado polo Concello, que esta alumna “non é un intermitente co que xogar, xa que non é que agora vexa e agora non, xa que o seu problema é irreversible e continuo”. A alcaldesa coincide coa ANPA nas súas apreciacións á hora de lembrar tamén que “consideramos que a alumna xa ten bastantes dificultades na súa vida como para que non poida dispor de recursos aos que ten dereito e que foi privada deles”.

Durante estas semanas, a alumna foi apoiada, no seu día a día, por alumnos e alumnas do centro escolar. O Concello realizará os trámites para que a alumna poida contar co apoio a partir do próximo luns.

No mesmo escrito, a ANPA e o Concello coinciden tamén en lembrar que o instituto ten aprobado a PROA PLUS, tendo dereito a media xornada de PT que o centro tamén segue esperando. “Xa non é moito e nin esa praza, a media xornada, chega. Para que sacan programas se despois a Administración non cumpre”, pregúntase a ANPA.