Betanzos propón desenvolver un Parador no centro histórico dentro das actuacións que programa para esta zona e que foron trasladadas á Secretaria de Estado de Turismo

284
A alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión coa Secretario de Estado de Turismo, Rosana Trasfogueiro

A alcaldesa, María Barral, mantivo unha reunión coa Secretario de Estado de Turismo, Rosana Trasfogueiro, para abordar diferentes actuacións que o goberno local pretende executar a través de fondos europeos e valorar outras iniciativas complementarias para as que o Concello busca a colaboración do Goberno central.

Entre elas, a primeira edil expuxo a intención de desenvolver da man de Turismo un proxecto no centro histórico para a creación dun Parador. A proposta tería dous obxectivos. Por unha banda, a dinamización do centro histórico e por outro cubrir o déficit de oferta hostaleira que ten a cidade, onde “existe unha boa oferta en canto a calidade, pero non en cantidade”.

Para o goberno local poder contar cunha nova proposta hostaleira e, de forma especial, nunha “contorna única como o centro histórico” sería un “paso máis no proxecto integral de revitalización desta parte da cidade no que traballa o Concello en varias frontes e que, sen dúbida, non só beneficiará a esta zona de Betanzos senón que será un motor para o resto da cidade”.

A reunión foi a primeira dunha serie de encontros que se manterán nos próximos meses para tratar de avanzar nunha actuación que “pretendemos forme parte da serie de actuacións que imos impulsar no centro histórico pero sabemos das súas dificultades e que non será algo inmediato”.

A maiores, a alcaldesa expuxo a necesidade de que por parte de Turismo habilítese algunha partida para seguir a recuperación do parque do Pasatempo a maiores das que se van a solicitar a través de fondos europeos.

A secretaria de Estado comprometeuse a visitar Betanzos, para coñecer de preto o Pasatempo, cuxo proxecto coñece, e o centro histórico. Valorou neste caso o proxecto que vai presentar o Concello dentro dos Next Generation vinculado a Turismo e que se centrará nunha nova fase do Pasatempo con actuacións tanto na parte histórica como na zona de xogos infantís que aínda que seguirá dedicada aos máis pequenos “experimentará un cambio radical respecto a o que hai agora e estará vinculada tamén á historia do Pasatempo”, explicou a alcaldesa.

Xunto a estes proxectos, outro importante investimento centrarase nas rúas do centro histórico e na transformación do edificio da Policía Local nun edificio de servizos vinculado ao centro histórico, entre eles, unha nova oficina de Turismo.

Estes novos proxectos sumaranse aos de humanización que se incluirán no Plan de Sustentabilidade que desenvolverá a Reserva da Biosfera e que terá a Betanzos como principal eixo do proxecto.