O Concello abre a posibilidade de iniciar un sistema de venda forzosa de inmobles en situación ruinosa e cuxos propietarios non atenden desde hai anos as ordes de execución ditadas desde Urbanismo

173
Números 16 e 18 da avenida Linares Rivas

O Concello publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia a declaración de incumprimento por parte dos propietarios de tres ordes de execución nos números 16 e 18 da avenida Linares Rivas e no número 7 de Otero Pedrayo. Desde mañá, os interesados dispoñerán de 20 días para consultar o expediente, comparecer e formular cantas alegacións, suxerencias ou reclamacións consideren convenientes.

Trátase de expedientes que unidos a outro xa aberto en Saavedra Meneses nos que os propietarios non cumpriron, en reiteradas ocasións, as ordes de execución e emitidas polo Concello anteriormente a esta última.

Agora, tras o trámite de audiencia, o Concello ten varias alternativas para que se melloren as condicións dos inmobles, entre elas, a declaración de venda forzosa destas vivendas.

Para iso, abriríase un proceso no que se incluiría a taxación do inmoble e a poxa do mesmo co obxectivo de que a casa fose recuperada.

Trátase dun procedemento que o Concello estuda non só aplicar a estes inmobles senón a outros que estean na mesma situación e sobre os que realizará convocatorias no BOP similares ás iniciadas no día de hoxe.

Á marxe destas vivendas o goberno local estudará tamén o sistema de venda forzosa para outros casos nos que xa executou actuacións directamente no inmoble de forma subsidiaria. Desta forma recuperaría o diñeiro gastado nas actuacións que aínda non recuperou e por outra posibilitaría a recuperación desa vivenda.

Con todo, este procedemento de execución subsidiaria non seguirá por parte do Concello “só se deixaría para casos excepcionais” tendo en conta o que economicamente supón para as arcas municipais. Por iso, a pretensión é establecer este sistema de venda forzosa para determinados inmobles que pola súa situación e a “nula cooperación dos seus propietarios á hora de afrontar as actuacións esixibles por parte do Concello” levan anos nunha situación ruinosa.