Betanzos recibe outro millón de euros de fondos europeos á través do Estado para o Plan de sustentabilidade turística do centro histórico

230

Betanzos recibirá un millón de euros para o Plan de sustentabilidade turística que presentou o Concello xunto á Reserva da Biosfera. Esta semana, a proposta de Betanzos, que recolle numerosas actuacións de dinamización, promoción e potenciación do centro histórico, pasara o primeiro corte na comisión mixta formada por representantes de Turismo de España, a Fegamp e a Xunta. O proxecto foi avalado polas dúas primeiras institucións e contou coa oposición da Xunta.

A actuación foi presentada á convocatoria de proxectos de sustentabilidade turística de fondos Next Generation dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno central, convocatoria á que a Galicia lle corresponden 30 millóns de euros.

Os proxectos aprobados na comisión mixta, pasaron esta mesma semana á Xunta, que era a encargada de repartir eses 30 millóns de euros entre as propostas finalistas e aínda que quedaron moitos proxectos fóra desta fase final, o certo é que os que si foron aprobados sumaron algo máis de 90 millóns de euros.

Por iso, no caso de Betanzos a Xunta reduciu o orzamento de 2,3 millóns, que solicitara o Concello e a Reserva, ao millón de euros concedido, dando ata o próximo día 2 ás 12:00 h como tope para presentar o proxecto definitivo axustado ao millón de euros.

A primeira edil, María Barral, amosou a súa satisfacción porque Betanzos consiga un millón de euros máis dos Next Generation que se suman “aos 1,8 millóns do mercado municipal e o 1,5 do Pasatempo” e que permitirá, sen dúbida, “reactivar, xunto a outras actuacións, o centro histórico”. No entanto, considera necesario e así llo trasladará á Fegamp para que o expoña ante a Xunta “que sexa o goberno galego o que complete a achega do Estado e que con iso se permitan acometer as distintas actuacións que estaban incluídas neses 2,3 millóns de euros”.

O proxecto orixinal, que agora haberá que modificar para axustalo ao millón de euros, recollía unha serie de accións no centro histórico, cun investimento total de 2,3 millóns de euros en tres anualidades co obxectivo xeral de situar a Betanzos a nivel nacional como polo de turismo cultural e escaparate dos produtos agroalimentarios da Reserva da Biosfera á que pertence, mediante a creación dunha oferta experiencial diferenciadora, de calidade e comercializable que poña en valor a identidade do territorio e axude á xeración de riqueza.

Entre as moitas accións que inclúe o Plan, incorpórase unha para incentivar a actividade e captación comercial e crearase para iso unha primeira fase de liña de axudas e financiamento para a rehabilitación de baixos comerciais.

A existencia de espazos degradados no centro histórico é un dos aspectos detectados dentro das debilidades da análise realizada para a elaboración do plan; esta situación é provocada en ocasións pola existencia de baixos comerciais sen actividade que ofrecen unha imaxe de abandono do centro histórico.

Para a consecución desta actuación exponse o desenvolvemento dunhas bases de convocatoria nas que se recollerán as características e requisitos que presentará a dita liña de financiamento. Nas bases definiranse os requisitos para acceder a este financiamento e tamén as obrigas das persoas beneficiarias, que deben contribuír a apoiar o emprendemento, achegándolles facilidades de alugueiro dos seus establecementos e participar nas accións e obxectivos deste Plan de sustentabilidade. O plan recolle unha liña de axudas, nunha primeira fase, de 300 000 euros que logo se incrementarán en función da demanda que poida existir a través doutros programas que impulsará o goberno local en colaboración con outras administracións, segundo indicou a alcaldesa.

Ademais, crearase o primeiro parque de xogos infantís co que se dotará o centro histórico e un programa de rutas temáticas e rutas guiadas interpretativas que se poderán realizar en bicicleta. Esta actuación completarase cun servizo de bicicletas eléctricas de alugueiro que terá varias estacións de recarga en puntos da cidade, xa que non só será de uso no centro histórico.

As rutas conectarán tamén as experiencias creadas polas empresas participen neste plan de sustentabilidade para facer unha oferta turística que recolla visitas, degustacións gastronómicas e catas entre outras. Como complemento a esta actuación, o plan recolle tamén un programa de iluminación eficiente de “xoias” arquitectónicas do centro histórico. Neste caso perséguese pór en valor elementos diferenciadores do centro histórico que formen parte das rutas que se deseñarán por este, sinalizando aqueles elementos de gran valor e con gran capacidade de atracción de visitantes, potenciando á súa vez a realización de rutas nocturnas.