O Concello denuncia desfeitas por pintadas nos novos aseos públicos autolimpables na praza dos Irmáns García Naveira

106

O Concello lamenta as desfeitas ocasionadas, a través de pintadas, nos aseos públicos autolimpables da rúa Sánchez de Taibo, en pleno centro da cidade, entre o edificio Arquivo, sede da maior parte das dependencias municipais, e o edificio dos xulgados abertos hai unha semana e que apareceron con pintadas no seu interior.

O Concello limpará os danos ocasionados e pide a colaboración veciñal “para no caso de que algún veciño ou veciña teña algún dato do posible autor ou autores o poñan en coñecemento da Policía Local”. Non é a primeira vez que instalacións municipais acaban danadas por actos vandálicos e pintadas. Nos últimos meses desde a Policía Local identificouse a varias persoas ás que se lles abriron expedientes sancionadores.

Os aseos autolimpables e antivandálicos, xa que as pezas non se poden romper ao formar parte da estrutura do aseo, foi a solución adoptada desde o goberno local despois dos “ataques” vandálicos que se sucederon nestes equipamentos e que facían “inviable” mantelos abertos ao público.

Os aseos dispoñen dunha serie de dispositivos que axudan a controlar o correcto funcionamento deste.

Contan  cun programa automático que controla o peche e apertura nunha franxa de tempo determinada. As persoas usuarias dispoñen dunha pantalla para saber se o aseo está ocupado ou non. Tras cada uso, se autolimpará e permanecerá bloqueada a porta de entrada, impedindo o acceso ao interior. O proceso comprende limpeza da tapa mediante saídas de auga a presión. Secado, limpeza do chan e limpeza do inodoro. A auga utilizada no proceso de autolimpeza está mesturada con líquido desinfectante desodorizante que cumpre todas as normativas de biodegradabilidade. O proceso de autolimpeza ten unha duración duns 30 segundos.

Cada unha das cabinas-aseo, home/muller, conta cun  teito en aceiro inoxidable, iluminación interior mediante fluorescentes de tecnoloxía LED, sistema de ventilación natural en todo o perímetro da cabina, inodoro autolavable, autodesinfectado a presión e secado automático despois de cada uso con auga  homoxeneizada cun desinfectante e desodorizante.

Ademais conta con papeleira para papel biodegradable, dispensador de xabrón, colgadoiro, espello, billa de aceiro inoxidable automático e secamáns con funcionamento á exposición das mans baixo unha fotocélula. Terá barra de apoio fixa e abatible de aceiro inoxidable para persoas discapacitadas.

 

Son os primeiros que instala o Concello coa intención de que este tipo de servizos se poidan colocar noutras zonas públicas que tamén se ven afectadas os actos de vandalismo.