Betanzos reclámalle á Xunta que priorice para este verán as melloras nos centros educativos que leven anos sen ser atendidas

179

Non queremos ser mellor que ninguén mais si contar cunhas instalacións segundo as necesidades educativas de Betanzos. Non podemos entender que mentres que en centros de ensino, con menor número de escolares, se invisten miles de euros, centros como o Vales Villamarín, e os institutos das Mariñas ou Francisco Aguiar seguen sen recibir o que lle corresponde a nivel de melloras que levamos reclamando desde hai anos á Xunta, denuncia a alcaldesa, María Barral.

O goberno local pretende que a Xunta “tome conciencia dos problemas que padece o alumnado do Vales Villamarín e dos institutos ao non contar con instalacións adecuadas ou acordes aos tempos que vivimos. Seguimos cuns edificios que desde hai varios lustros non se modernizan, con alumnado que, dependendo do curso, ten máis ou menos sorte, á hora de vivir diariamente unhas incomodidades nas súas xornadas escolares pola situación dos centros educativos, xa que, por exemplo, no Vales Villamarín hai unha zona na que, despois de moito insistir, a Xunta acometeu hai uns anos obras demandadas pola comunidade educativa e o Concello, pero hai outra zona do edificio que segue padecendo notables problemas, xa que non se lle tocou”.

A primeira edil explicou que durante estes dous últimos anos, coa pandemia, “entendemos que había que remar cara ao mesmo lado. Fomos respectuosos coa política educativa da Xunta e mesmo nós, ante esa escaseza de medios de Educación, por exemplo, para que todo o alumnado nos seus domicilios tivesen acceso a internet, gastamos importantes recursos, sen ser nosa competencia, na compra de equipos informáticos e enrutadores”. No entanto, para a primeira edil “chegou o momento de acometer o que falta no edificio e é agora cando debemos insistir ante a Xunta para que programe obras para leste mesmo verán no tres centros”.

María Barral amosou o seu malestar polo que considera unha actitude “irrespectuosa” do conselleiro de Educación a “quen lle solicitei dúas reunións, a primeira hai dous meses, sen que ata agora nos recibise, nin el nin ninguén da súa Consellería para tratar unhas cuestións que, coido, son importantes e necesarias a curto prazo e para o futuro educativo de Betanzos. Considero que por riba de cores políticas, ten que prevalecer un interese xeral e nestes momentos creo que se está mirando máis o primeiro que o segundo. O que si teño claro é que non cesaremos  en seguir reclamando o que consideramos é xusto para o noso municipio”.

A primeira edil considera que por parte da Xunta “non se lle está dando ao centro o trato que merece, alargando no tempo unha actuación que desde hai anos tería que ser unha prioridade para o executivo galego”. A pinga que colma o vaso son as constantes filtracións que se producen no patio cuberto por mor dunha obra efectuada pola Xunta que non quedou ben. “Sabemos que hai unha partida para arranxar esta situación pero que non se dá contratado por parte da Consellería, sen entender os motivos polos que se está atrasando”, indica a primeira edil.

Desde o Concello, que acaba de contratar os traballos de mellora da zona de xogos infantís do centro, incídese na necesidade de adecuar o segundo bloque do colexio como se fixo co primeiro, cunha reforma consistente na adecuación de fachada, cambios de xanelas, pintado dos interiores e mellora da iluminación.

Este segundo bloque do colexio segue sendo unha construción dos anos 70 que, como o anterior bloque, tamén necesita unha mellora integral. Está nun estado moi similar ao que se atopaba o primeiro antes da reforma, con necesidades no exterior, co fin de diminuír as perdas térmicas e mellorar a súa eficiencia,  a iluminación e o pintado interior.

Outra das problemáticas que presenta este edificio é a falta de espazo para as nenas e nenos que acoden a diario ao comedor escolar, tendo que habilitar de forma extraordinaria espazos no salón de actos, que se viu así reducido. Para o Concello é necesario que a Xunta cubrise unha das partes destinadas a aparcadoiro, anexas ao actual comedor. Xunto ao Vales Villamarín, o goberno local tamén incide na necesidade de que a Xunta acometa diversas melloras no instituto Francisco Aguiar e As Mariñas.