O Concello encarga un informe técnico urxente para comprobar se a empresa concesionaria da piscina e ximnasio cumpre o contrato

244

O goberno local encargoulle aos servizos municipais un informe con carácter urxente sobre a situación da piscina municipal e o ximnasio tendo en conta as queixas presentadas polas persoas usuarias no propio Concello sobre a programación de actividades por parte da empresa concesionaria e horarios. Así o anunciou hoxe o goberno local que pretende coñecer se nestes momentos se están incumprindo as condicións do contrato de concesión para, en caso contrario, “emprender as accións que correspondan”.

O goberno local e os grupos da oposición son conscientes da “difícil” situación que atravesa a empresa concesionaria porque así llo trasladou o representante da propia empresa aos grupos políticos, mais “non pode permitir que esa situación prexudique ás máis de 700 persoas usuarias das instalacións”.

A alcaldesa, María Barral, mantivo nos últimos días unha reunión con traballadores e traballadoras da concesionaria para coñecer de primeira man a súa situación despois de que a propia empresa anunciase a súa intención de acceder a un preconcurso de acredores. “Existe unha inquietude e preocupación, lóxica, entre os traballadores e traballadoras e o que lle transmitimos desde o goberno local é o noso apoio e colaboración, na medida das nosas posibilidades”, explicou, tendo en conta que o Concello non pode “meterse na relación laboral da empresa co seu persoal. Tentaremos mediar, se é necesario, pero a relación contractual e laboral entre eles e a empresa é allea ao Concello”.

En todo caso, o que si se comprometeu o goberno local é a “facer un seguimento da situación e manter informados os traballadores e traballadoras dos pasos que a nivel administrativo se vaian dando.

A empresa reclamoulle ao Concello dúas indemnizacións, amparadas por Lei, como consecuencia da afectación que tivo no servizo a pandemia durante 2020. Así, o Concello aboou con base a este concepto preto de 120 000 euros. Agora, a semana pasada presentou outra reclamación que inclúe todo o 2021 de máis de 220 000 euros, reclamación que os servizos xurídicos e económicos do Concello están a estudar.

O goberno local axilizará os prazos administrativos para que os servizos municipais “informen canto antes desta situación”, mais, á marxe diso, “a empresa ten e debe de cumprir as súas obrigas cos traballadores e traballadoras e coas persoas usuarias que as instalacións, que a día de hoxe seguen pagando as súas cotas”.

Ao mesmo tempo, anunciou que o Concello traballa nun novo prego de condicións para en agosto “tentar poder sacar a contratación a explotación das instalacións por un período de dous anos mentres non se saca unha concesión máis longa que, agora mesmo, levaría moito máis tempo e obrigaría a ter as instalacións pechadas. A actual empresa conclúe a actual concesión do servizo o 12 de agosto e ata ese día, en principio,  o Concello está atado de pés e mans”.