Betanzos recomenda o uso de beirarrúas nun só sentido de circulación dentro dun plan de mobilidade peonil vinculado ao coronavirus

733

O Concello iniciou un plan de mobilidade peonil coa sinalización das as beirarrúas cun mesmo sentido de circulación. Trátase dunha medida “recomendable” para desenvolver nas distintas fases do plan de desescalada co obxectivo de reducir o contacto persoal e a exposición próxima entre persoas.  Por iso, indicou a alcaldesa, María Barral,  “queremos darlle especial importancia á circulación da nosa veciñanza agora que se atopará e cruzará máis que antes polas rúas ao coincidir coa apertura de negocios e hostalaría”.

O obxectivo é reducir ao máximo os encontros ou contactos en curtas distancias e sabemos que “nunha cidade como a nosa, na que non hai grandes avenidas ou beirarrúas anchas é difícil evitar un encontro coa persoa que vén de cara”. Por iso, desde o goberno local recoméndase á hora de camiñar pola cidade, que as persoas circulen polas beirarrúas no mesmo sentido que os coches, é dicir, pola beirarrúa da dereita.

Nas rúas de dobre sentido de circulación, os peóns circularán pola dereita en sentido avance.  Nas rúas dun só sentido de circulación, pola beirarrúa da dereita, desde a perspectiva do vehículo, para avanzar no mesmo sentido que os coches, e a da esquerda en sentido contrario.

A primeira edil indicou que se trata dunha regra simple similar ás que seguen os vehículos nas normas de circulación e que, evidentemente, están deseñadas e pensadas para evitar “choques entre coches” e, por tanto, terá o seu reflexo tamén en reducir os encontros entre peóns e peoas.

A sinalización píntase no inicio de cada beirarrúa, marca o sentido da marcha en cor verde e lembra a distancia que deberá deixarse tamén con persoa que temos diante e que camiña no mesmo sentido. “Só nos teremos que preocupar do que vai diante e deixar o espazo adecuado de separación, de dous metros. O que vén detrás nosa deberá facer o mesmo connosco”.

O plan iniciouse hoxe nas rúas para logo continuar marcando zonas en prazas ou en lugares máis abertos, aínda que “coa idea xa interiorizada, será máis fácil seguir unha orde á hora de camiñar tamén por eses lugares”, indica a primeira edil. A medida prolongarase durante as próximas semanas e “coidamos que, aínda que ao principio custe adaptarse, que seguramente para facer un recado, unha compra, teremos que percorrer uns metros máis, é algo, ao final,  beneficioso para todos e que reducirá a exposición e o risco de contaxio”.

Durante a mañá de hoxe sinalizáronse algunhas das rúas máis transitadas. Os traballos continuarán mañá ata completar o plan, previsto en boa parte de todos os barrios.