Betanzos reivindica o tramo xacobeo con Vilalba e pídelle á Xunta que o reflicta nos “mapas de peregrinaxe”

368
A alcaldesa de Betanzos, María Barral, xunto a un grupo de betanceiros/as, entre os cales figuraban políticos de distintas ideoloxías, que onte reivindicaron a ruta.

“Queremos que a petición do Concello, xustificada documentalmente, e as  reivindicacións que agora inicia algún colectivo representativo do municipio se teñan en conta por parte da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo e que, por tanto, dunha vez por todas, tras anos de agarda desde que Betanzos o solicitou por primeira vez en 2009 e logo no Pleno en 2013, se inclúa nos mapas de peregrinaxe o tramo entre Vilalba e Betanzos, dentro do Camiño do Cantábrico”, explicou a alcaldesa, María Barral, quen se reuniu cun grupo de betanceiros e betanceiras, entre os que figuraban políticos de distintas ideoloxías, que onte reivindicaron a ruta.

A alcaldesa destacou que esta acción, apoiada polo Concello, reflicte que non se trata dunha cuestión política ou de buscar enfrontamento coa Xunta como “alguén insinuou”, senón en “pedir, con base a estudos realizados, algo que entendemos que para Betanzos é importante porque duplicaría as rutas xacobeas e incrementaría, por tanto, o número de peregrinos na nosa cidade”. A primeira edil agradeceulle ao director do Museo das Mariñas, Alfredo Erias, o labor de investigación e a quen “apoia esta petición como a Reserva da Biosfera, co seu presidente, José Antonio Santiso á fronte; ou destacados políticos betanceiros como Antolín Sánchez Presedo ou Jaime Pita”.

Barral indicou que desde o Concello lle trasladou de novo á Xunta unha petición formal e “temos a convicción de que será atendida”. Sostén que aínda que o número de peregrinos e peregrinas aumentou nos últimos anos potencialmente co Camiño Inglés, agás o pasado ano pola pandemia, a sinalización nos mapas oficiais desta ruta posibilitaría a chegada de máis visitantes á cidade. Lembrou que a pesar de que a petición foi trasladada, tras ser aprobada no Pleno, no 2009 e no 2013, a día de hoxe “non hai comunicación ningunha por parte da Administración autonómica”.

O Concello considera “incomprensible” que os mapas xacobeos non recollan o camiño de Vilalba a Betanzos tendo en conta que hai documentos históricos que certifican esta ruta. A Betanzos chegaban na Idade Media tres camiños, dous costeiros (un desde Sada e outro desde Ferrol)  e o camiño do Cantábrico, desde Ribadeo, pasando por Vilalba, sobre unha vía romana. O costeiro de Ferrol, chamado do camiño Inglés, e o da costa Cantábrica uníanse no Santuario da Nosa Señora ou dos Remedios, na entrada a Betanzos. É máis, como consecuencia de ser Betanzos paso de varios camiños xacobeos construíronse “a igrexa gótica (sobre unha románica) de Santiago, a matriz da cidade, e diversos hospitais de peregrinos ao longo da súa historia”.