Betanzos SUSPENDE a feiras de febreiro

406
Feira na Praza García Irmáns

O  Concello confirmou a suspensión das feiras prevista para o día 1 e a do día 16 como consecuencia das restricións en vigor pola  Covid.

En paralelo, o  Concello potenciou o programa de desinfeccións de espazos públicos en todo o municipio. Os labores realizábanse de forma continúa aínda que durante os últimos días, ante o incremento do número de casos positivos pola  Covid desde a concellería de Obras reactivouse o programa “de actuacións intensivas que xa se executou en varias fases da pandemia”, explicou o concelleiro Diego Fernández. Trátase de desinfeccións en parques, prazas, xogos infantís, contedores…. Tanto da zona urbana como da zona de rural, un programa que se completará co de limpeza viaria.

Ademais desta actuación e unha serie de accións no ámbito da seguridade e en aspectos sociais de atención a persoas afectadas, fortalecendo as actuacións que xa viñan realizando por parte dos servizos municipais, a alcaldesa, María Barral, indicou que trasladou á Xunta a súa “colaboración en todas aquelas actuacións que considerasen necesarias”.

Ao mesmo tempo, a alcaldesa anunciou que tras a entrada en vigor do peche perimetral, o goberno local aprazou as actividades culturais, así como as actividades extraescolares en aplicación das restricións decretadas pola Xunta segundo o disposto no Diario Oficial de Galicia. Tamén se suspenderán as actividades grupais na piscina municipal e nos centros sociais municipais.

A primeira edil mantivo nas últimas horas unha reunión de coordinación con Servizos Sociais, Policía Local e Protección Civil para analizar diversos protocolos de atención ante o aumento do número de casos positivos. Neste sentido, trasladou tamén a colaboración do  Concello a través de todos servizos aos responsables do Centro  Pai  Menni “cun importante número de afectados”.

Mantéñense os servizos de atención por parte do  Concello, co programa de chamadas que realiza Servizos Sociais aos maiores do municipio e os teléfonos de atención de Protección Civil “para atender calquera necesidade que se produza, especialmente, de persoas maiores que vivan soas”, habilitando o teléfono de asistencia permanente 981 774742.