Betanzos te espera, nova campaña do Concello en Fitur, centrada no casco histórico, o globo e a tortilla

309

Betanzos te espera. Con esta lema, a alcaldesa de Betanzos, María Barral, presentou a nova campaña de promoción de Betanzos na caseta de TurEspaña de Fitur, unha nova campaña a través dun vídeo que será difundido polo Concello en diversos soportes, no que se pon en valor a cidade, o concello, e, de forma especial, a tortilla, o globo, e o centro histórico.

Na súa presentación, a primeira edil destacou o importante papel que o turismo ten para Betanzos. “O noso municipio leva anos sendo o único Concello de Galicia que conta nesta feira cunha caseta propia, o que revela a importancia que para nós ten este sector. E por iso estamos encantados de volver un ano máis a Fitur, e máis cando este non é un ano calquera. É o ano da recuperación, o ano de reenganchar proxectos e propostas, o ano de reencontrarnos”.

A alcaldesa, María Barral, presentou no FITUR a campaña de promoción turística municipal ante a ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto e o secretario de Estado Fernando Valdés, entre outros.

De aí, indicou que este ano Betanzos elixise como lema o “Betanzos te espera”. Barral explicou que Betanzos “vai esperar a todos aqueles que o visiten como referente en Galicia, como municipio e cidade que ten moito que ofrecer. Por historia, cultura, polo seu comercio e gastronomía; Betanzos é un lugar de obrigada visita, capital do Gótico galego; unha das capitais do antigo Reino de Galicia e cun centro histórico que conforma unha xoia arquitectónica única na nosa comunidade. Betanzos espérate, espéravos, cos brazos abertos para mostrarvos todo o que temos e todo o que somos. Unha cidade aberta, que se adapta aos tempos”. Tras presentar o vídeo da nova campaña, indicou ante un auditorio no que, entre outros, estaba a ministra, Reyes Maroto; e o secretario de Estado, Fernando Valdés, a primeira edil lembrou que Betanzos, é, xunto con Santiago e A Coruña a cidade máis visitada da provincia e “queremos seguir nesa mesma liña, ofrecendo e compartindo a nosa riqueza patrimonial e acollendo na nosa casa a quen nos visitan”, porque o que vén, repite, e iso é consecuencia do noso carácter, aberto e hospitalario.

 

Destacou que Betanzos non é só cultura e historia, nin tortilla nin comercio, é moito máis. “É teatro, o cine, coa sala máis antiga de España; é música, con concertos referentes en Galicia durante o verán; e será o que volva contar moi pronto co que foi o primeiro parque enciclopédico de Galicia, o parque do Pasatempo, que, sen dúbida, aumentará aínda máis o noso reclamo turístico e no que nos centraremos nas próximas edicións de Fitur”.

Por outra banda, a delegación betanceira manterá durante estes dous días encontros con máis dunha decena de touroperadores, ademais doutras accións de promoción do municipio, centradas na tortilla e o globo de Betanzos. Entre elas, a promoción nas pantallas de Callao, en Gran Vía. Para mañá está prevista a presentación tamén dunha acción centrada na tortilla.

Stand de Betanzos preparado para a presente edición de FITUR