Este luns 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Materna proclamado pola UNESCO para reivindicar a importancia da diversidade cultural e lingüística nas sociedades sustentables e que pretende pór en valor as primeiras linguas que se aprenden no contexto máis próximo e familiar e a importancia que estas teñen nas sociedades plurilingües e multiculturais.
No marco da celebración deste día, o Concello de Betanzos programou “Bicos con lingua” unha das representacións teatrais máis coñecidas de Talía Teatro, para este Día Internacional da Lingua Materna na Aula Municipal de Cultura Xulio Cuns e para o alumnado de secundaria do IES As Mariñas, IES Francisco Aguiar e do CPR Nosa Señora do Carme “Atocha”.
Este espectáculo forma parte do programa Lingua a escena da Rede cultural da Deputación da Coruña.
A proposta encádrase dentro da programación do Servizo de Normalización Lingúística en colaboración cos equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino da localidade e pretende achegarlle aos máis novos e novas este espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situación cotiás convida a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega.
“Bicos con lingua” nace dun forte sentimento de amor cara algo tan propio como é a nosa lingua: a lingua galega. Non se trata en ningún momento dun exercicio de victimismo, nada máis lonxe da nosa intención, senón de afondar nun problema real e, certamente, preocupante. Así, pretendemos que esta montaxe supoña para o espectador unha experiencia de redescobremento dunha lingua que existe e que crece na súa inmensa riqueza, a pesares dos usos e abusos aos que está sometida decotío.