Casa Miranda impúxose tamén como vencedor da votación popular da Semana da Tortilla de Betanzos 2019, tras ser escollido o pasado domingo como gañador do premio do xurado desta edición. Mesón O Progreso quedou en segundo lugar, e pechou o “podio” a Taberna Escondida, de entre os 22 establecementos participantes.
Emitíronse arredor de 300 votos, e entre todos eles realizarase un sorteo de catro cartóns por valor de 100 euros nos comercios asociados en ACEBE.

Coincide así, nesta edición, a gañadora da Semana da Tortilla 2019 tras os votos emitidos polo xurado profesional e polo xurado popular. Cómpre lembrar que o xurado profesional estivo presidido por Luís Veira, de Árbore da Veira e Estrela Michelín, quen destacou a dificultade para escoller o gañador, tendo en conta a calidade das tortillas presentadas; a concelleira de Festas e Comercio, Ángeles Veiga; e representantes da asociación gastronómica Lar de Unta, da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos; da Asociación de Comercio, Hostalaría e Servizos do Centro Histórico (Chescasco), Reserva da Biosfera As Mariñas-Betanzos, do facebook Betanceiros no Mundo; o xerente de O Parrulo e presidente do Club Gastronómico Rías Altas; un representante de Gadisa, como patrocinador; o fundador da Casa das Tortillas da Coruña, Francisco Gómez Seijo; e o xornalista Pablo Portabales.
Á vez que se realizou o anuncio do premio popular á mellor tortilla, a alcaldesa de Betanzos, María Barral Varela, deu a coñecer que Betanzos participará, novamente, con caseta propia na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se terá lugar en Madrid o próximo ano. Nesta farase especial fincapé na promoción da tortilla dentro das distintas accións encadradas na promoción de Betanzos, dirixidas á potenciación do turismo gastronómico, a súa historia e a súa cultura.
Casa Miranda tamén se impuxo na final da Semana da Tortilla de Betanzos, logrando por quinta vez o premio mellor Tortilla de Betanzos, que xa conseguiu en 2011, 2013, 2014 e 2015. Casa Miranda clasificouse por diante de Taberna Escondida, Sinuessa, A Tixola e Mesón O Progreso. Do cinco finalistas, Sinuessa impúxose nas dúas últimas edicións (2017 e 2018) e Mesón O Progreso en 2016.