Conta atrás para os actos de celebración do 800 aniversario do traslado de Betanzos á súa actual localización

1460
A alcaldesa, María Barral, xunto ao resto de edís do grupo de goberno, inaugurou o reloxo situado na praza da Constitución

Conta atrás para conmemorar o 800 aniversario do traslado de Betanzos á súa localización actual desde San Martiño de Tiobre (Betanzos O Vello) que terá lugar o 13 de febreiro de 2019. A alcaldesa, María Barral, xunto ao resto de edís do grupo de goberno, inaugurou o reloxo situado na praza da Constitución, lugar no que se asentou Betanzos hai 800 anos e cuxa praza albergará os principais actos do próximo ano. Desde hoxe, os betanceiros “terán máis visible aínda o que queda para conmemorar unha data histórica, nun soporte no que ademais dos días se pode contemplar a imaxe identificativa do 800 aniversario”, explicou a alcaldesa.

María Barral destacou “o ano importante que está a piques de empezar para Betanzos, un ano no que se vai a facer un esforzo por pór en valor a historia, de onde vimos, e a proxectar Betanzos, as súas singularidades e potencialidades”. A primeira cita será en Madrid, no mes de xaneiro. Despois de dez anos, Betanzos regresará cunha caseta propia a Fitur. E alí promocionaranse os actos do 800 aniversario. “Estamos a pechar reunións con operadores de turismo e faremos unha presentación oficial na nosa caseta non só dos actos senón do que é Betanzos, como cidade histórica e cultural”.

A esta promoción da cidade súmase tamén campañas en televisión e doutros organismos ou organizacións que tamén colaborarán co Concello e con esta conmemoración. Entre eles, a Organización Nacional de Cegos (ONCE) que dedicará un cupón ao 800 aniversario coincidindo co día de celebración, o 13 de febreiro; ou Loterías do Estado que tamén estampará a imaxe do logotipo nos décimos dun dos seus sorteos do mes de febreiro. “Mantemos conversas con algún outro organismo máis que se amosou interesado en colaborar na difusión do 800 aniversario”, explicou a primeira edil.

O Concello ultima estes días os actos de celebración do 13 de febreiro que será día festivo local. “A corporación aprobou en Pleno festivo local o 13 de febreiro para realzar unha data histórica. Os concellos temos dous días de elección propia. O 16 de agosto era inamovible. E ese día queremos que sexa especial con actos e actividades tanto pola mañá como pola tarde e as que esperamos a maior participación posible dos betanceiros”. Será o primeiro día de celebración dun programa que “se prolongará durante todo o ano. Toda a programación municipal terá como eixe o 800 aniversario. A Feira Medieval, as festas de agosto, as actividades gastronómicas, enmarcaranse dentro desta celebración á que se sumarán xornadas específicas sobre historia, exposicións, actividades culturais, educativas e deportivas…”.