O Concello contratará as obras para estabilizar o pavillón do Estanque do Pasatempo unha vez que acaba de recibir a autorización de Patrimonio

1007
Estanque do Pasatempo

O Concello contratará os traballos de estabilización do pavillón do Estanque do Retiro do Pasatempo, despois de recibir a autorización de Patrimonio. A Xunta non fixo ningunha observación á proposta remitida polo Concello que se baseaba no informe encargado aos arquitectos Xan Casabella e Xosé Díez Vieites.

A proposta inclúe unha solución para deter os posibles desprendementos e que á vez sexa compatible coa futura reconstrución, que será definida no correspondente proxecto de restauración do pavillón.  Para a elaboración deste informe técnico foron necesarias varias visitas, nas que se realizou  unha observación polo miúdo da illa do pavillón coa toma de numerosos datos, medicións e unha ampla reportaxe fotográfica.

A proposta técnica foi encargada unha vez que o persoal técnico de Patrimonio e o persoal municipal visitou a zona que estaba danada o pasado día 26 de outubro. Con motivo desa visita e seguindo as recomendacións achegadas polo persoal técnico encargouse a elaboración do mencionado estudo técnico cuxos traballos agora serán contratados.

A intención do Concello é que unha vez executados, o seguinte paso sexa a restauración do pavillón, para o que, previamente se encargará un proxecto ad hoc que logo será tamén enviado a Patrimonio para a súa autorización.