O goberno local garante o tradicional lanzamento do Globo de San Roque a través da posta en marcha dunha Fundación

457

O goberno local levará a Pleno para a súa aprobación a posta en marcha da Fundación Globo de Betanzos unha vez emitidos os informes xurídicos e económicos despois de que se aprobase a súa creación hai un par de anos. A pandemia e a Lei Montoro impediron que a Fundación puidese aprobarse ata agora. Aínda así, o ente conta con informe negativo por parte de Intervención e con positivo por parte dos servizos xurídicos, o que levou ao goberno local, segundo explicou a alcaldesa, María Barral, a levar a Pleno a súa aprobación definitiva antes do paso ao acto notarial. A achega económica inicial do Concello á Fundación que se encargará da elaboración do Globo é de 20 000 euros.

Con este paso, a primeira edil destacou que “o Concello garántese manter unha tradición centenaria e símbolo de Betanzos como é o lanzamento do Globo o día 16 de agosto, un símbolo e orgullo de todos e todas os betanceiros e betanceiras”. E é que a Fundación terá como obxectivo o de conservar, custodiar e divulgar o Globo de San Roque, creado por Claudino Pita e conservado polos seus sucesores depositando todos os dereitos existentes ao respecto nela.

A historia do globo, cuxo lanzamento se realiza de forma ininterrompida desde mediados do século XIX, convérteo nunha das tradicións de maior arraigamento das festas patronais, converténdoo na actividade máis importante das festas tanto polo que representa para os propios betanceiros e betanceiras como pola repercusión mediática e de visitantes que se produce cada 16 de agosto cunha media de 50 000 persoas na praza dos Irmáns García Naveira que ven cada ano como se eleva o globo de papel máis grande do mundo, realizado artesanalmente na súa práctica totalidade, con materiais tradicionais: os dezaseis cuarteiróns que o conforman son de papel de estraza, pegado con engrudo de fariña de centeo e reforzado con cinta de algodón, ilustrados con viñetas humorísticas realizadas por artistas locais. Cunha altura máxima de 25 metros, un diámetro máximo de 16 e unha circunferencia máxima de algo máis de 50 metros.

A Fundación será a encargada, como se recolle nos seus estatutos, de elaborar, inflar e lanzar conforme aos patróns e formas custodiadas, o Globo de San Roque cada 16 de agosto con ocasión das festas patronais. Todos estes labores terán que cinguirse canto a materiais e métodos de traballo aos descritos na marca O Globo de San Roque concedida en xullo de 1979 e cuxa titular será a Fundación.

Nos estatutos figurará todo o proceso que hai que seguir cada ano para a elevación e lanzamento do globo. Entre elas, estipúlase que no caso de que non puidese lanzarse “por causa de forza maior” o 16 de agosto, tería que efectuarse o 18 á mesma hora (23:30 h). Se pola mesma causa, tampouco fose posible, tería que facerse o 25 de agosto. Non podería lanzarse en ningunha outra data e tería que ser destruído para que non poida ser copiado, exposto ou reutilizado por ninguén.

A representación, o goberno e a administración da Fundación están a cargo, de modo exclusivo, do padroado que estará composto por doce membros: a alcaldesa, presidenta; a concelleira de Cultura, outros tres concelleiros e concelleiras nomeadas pola alcaldesa ou membros da Corporación; o secretario da Corporación; tres membros da familia Pita: Jaime Pita e Emilio Pita e unha terceira persoa da familia escollida por eles; e tres persoas máis que veñen colaborando na elaboración e lanzamento do Globo dos que unha delas será un dos debuxantes.