María Barral advirte sobre a incerteza creada a moitas familias pola situación do transporte escolar a días de que comece o curso

350

Non podemos deixar ao alumnado coa dúbida diaria de se poden ou non coller o autobús escolar e aos pais coa incerteza de se chega ou non ao colexio o seu fillo. É unha situación moi preocupante á que a Xunta non lle deu solución a pesar das queixas de pais e nais e o Concello desde hai semanas. “A piques de empezar o curso non podemos seguir con esta incerteza”, sinalou a alcaldesa, María Barral.

O asunto será tratado no Consello Escolar municipal e alí determinaranse as accións que “emprenderemos para esixir que se acabe con esa situación que a día de hoxe afecta a máis de 80 alumnos e alumnas dos centros públicos de Betanzos. Tamén se manterán conversas con outros municipios limítrofes afectados por este problema”.

O obxectivo é esixirlle á Xunta que ningún alumno nin alumna quede fóra do transporte escolar. As rutas integradas de transporte crearán, de cara ao próximo curso escolar, “importantes problemas a moitas familias betanceiras ao deixar fóra do servizo a uns 80 alumnos e alumnas, só do Vales Villamarín, que ata agora gozaban de autobús, ademais de verse afectados escolares do Francisco Aguiar e do IES As Mariñas”.

Trátase de alumnado que tiña transporte “excepcional” o pasado curso mais ao que as rutas integradas non lle afectaron. Con todo, de cara ao novo curso, a Xunta pretende darlle prioridade ao servizo integrado, co que o alumnado de servizos excepcionais “queda nunha situación de incerteza, xa que non saberán, estando na parada, se poden ou non coller o bus, cando falamos de nenos e nenas a partir de catro anos, polo xeral, e algún de tres anos”. Dáse o paradoxo, nalgúns casos, que habendo irmáns, pola idade dun e outro, un ten dereito ao autobús e outro non, dependendo se un estuda primaria ou infantil.

Outro dos problemas xurdidos é o de seguridade. Os coidadores e coidadoras que viaxan nos autobuses contaban ata agora cunha listaxe de alumnado excepcional, co que cal había un control dese alumno ou alumna, se subía ou non ao autobús. “A partir de agora, non haberá listaxe de excepcionais, que quedarán fóra do servizo e, por tanto, se o utilizan, porque hai sitios vacantes na liña (no suposto de non cubrirse con viaxeiros) non constará en ningunha listaxe oficial se ese alumno ou alumna, de tres de idade anos en diante, subiu ou non ao autobús”.

A situación aféctalle de forma especial ao alumnado de Saavedra Meneses e a zona de Bellavista, ademais doutros municipios como Coirós e Paderne, que tamén utilizan este servizo.

O Concello agarda que a Xunta reconsidere a súa postura ante o inicio do curso escolar. “Trátase dunha educación pública e un servizo público de transporte que é necesario para moitas familias. Por iso, pedímoslle ás consellerías implicadas, tanto a de Educación como á de Mobilidade, que reconsideren a situación e non deixen fóra, polos problemas que iso leva, ao alumnado cualificado como excepcional no servizo e que ata agora gozaba deste. As situacións ou as causas de excepcionalidade son as mesmas que eran e que lle permitiu ter transporte escolar”.