
A alcaldesa, María Barral, adiantou boa parte das actividades culturais, deportivas e festivas que Betanzos celebrará nas vindeiras semanas e que farán que a cidade sexa un ano máis “un dos grandes polos de atracción cultural e turística de Galicia ”.
Barral subliñou que a Feira Medieval foi “só o comezo” dun verán no que a cidade volverá encherse de música, teatro, cinema, folclore, arte e tradición, cunha programación pensada tanto para a veciñanza como para as miles de persoas que visitan Betanzos durante estes meses.
A primeira das grandes citas será este mesmo fin de semana coa celebración do XV Festival Betanjazz, que levará á Praza da Constitución as actuacións de Leticia Rey Quintet, o sábado 18 de xullo, e de Swing Titans, o domingo 19.
Precisamente o sábado terá lugar tamén unha das citas máis especiais deste ano: o festival conmemorativo do 50 aniversario da asociación Xóvenes do Pobo, unha entidade fundamental para a conservación e difusión do patrimonio cultural e folclórico betanceiro.
A alcaldesa destacou o labor desenvolvido durante estas cinco décadas por unha agrupación que “recuperou, conservou e mantén vivas dúas das nosas danzas gremiais máis representativas, as de Mariñeiros e Labradores”, converténdose nun referente da cultura tradicional galega. O festival, que conta coa colaboración do Concello, reunirase no Pasatempo e servirá para render homenaxe a todas as persoas que ao longo destes cincuenta anos formaron parte da historia da entidade.
Ademais, recordou que o Concello instalará unha pantalla xigante o domingo 19 na praza García Naveira para seguir a final da selección española feminina de fútbol, permitindo que a cidadanía poida vivir conxuntamente este acontecemento deportivo.
A programación continuará entre os días 21 e 24 de xullo coa celebración da XXIII Semana Internacional de Cine de Betanzos Ángel de la Cruz, unha cita xa consolidada dentro do calendario cultural galego e que volverá converter a cidade nun punto de encontro para profesionais e afeccionados ao cinema.
Durante esa mesma semana desenvolveranse tamén outras dúas citas xa clásicas do verán betanceiro. Por unha banda, o XXX Festival Folclórico do Día de Galicia, que este ano coincide cos 40 anos de promoción do folclore desde o Concello de Betanzos a través da Escola Municipal de Folclore. E, por outra, unha nova edición de Vai de Rúa, o festival de artes escénicas que converterá as rúas e prazas do casco histórico nun gran escenario ao aire libre con espectáculos para todos os públicos.
Xa no mes de agosto, a programación arrancará co día 1 cunha nova edición dos Caneiros en Familia, para os que o Concello abrirá nos próximos días o prazo de reserva de prazas da lancha municipal.
Tamén en agosto regresará unha das iniciativas culturais máis singulares da cidade, a Bienal Internacional Balconadas, que volverá transformar o casco histórico nunha gran galería de arte ao aire libre. A mostra reunirá obras de artistas de diferentes procedencias e converterá unha vez máis os balcóns do centro histórico en espazos de creación artística, nun evento único pola súa capacidade para combinar patrimonio, arte contemporánea e participación cidadá.
Dolores Vázquez será a pregoeira das Festas de San Roque
Un dos anuncios máis destacados da presentación foi o nomeamento de Dolores Vázquez como pregoeira das Festas Patronais de San Roque 2026. A alcaldesa explicou que o pregón terá lugar o 14 de agosto, coincidindo co inicio oficial das celebracións, e lembrou que Dolores Vázquez recibiu recentemente o Premio Úrsula Meléndez de Texeda, outorgado polo Concello de Betanzos.
María Barral destacou que Dolores Vázquez representa “valores de dignidade, fortaleza e superación” e mostrouse convencida de que o pregón será “un dos momentos máis emotivos das festas”.
“Xa demostrou cando lle entregamos o Premio Úrsula Meléndez de Texeda que non era unha betanceira máis. Merece este recoñecemento e estou segura de que Betanzos estará á altura dese momento”, sinalou a alcaldesa.
A representante maior das festas será este ano Myriam Arnoso Roca, e Iris Pena Martínez a representante infantil, mentres que a pregoeira infantil será Carmen Calvo, alumna de terceiro da ESO do CPR Nuestra Señora del Carmen.
As festas, declaradas de Interese Turístico Nacional, desenvolveranse entre os días 14 e 25 de agosto, aínda que tradicionalmente arrancarán xa o día 13 con distintos actos previos.
A programación musical combinará grandes orquestras, música galega, propostas para o público infantil, grupos locais e música clásica.
O cartel inclúe as actuacións de La Banda de Ayer (14 de agosto), Panorama (15 de agosto), Elebé 2.0 (16 de agosto), Roi Casal co espectáculo Ambos Mundos (17 de agosto), Origen (18 de agosto), The Cruze (19 de agosto), Los Satélites (20 de agosto), o espectáculo infantil do Mago Rafa e os concertos de Ortiga e Os Revenidos (21 de agosto), Michael Legend e Alga (22 de agosto), a Joven Orquesta Sinfónica de Galicia (23 de agosto), o festival de grupos locais (24 de agosto) e París de Noia (25 de agosto).
A alcaldesa destacou tamén algúns dos momentos máis emblemáticos das celebracións, como o lanzamento do Globo de San Roque o 16 de agosto ou as dúas xiras fluviais dos Caneiros, que volverán congregar a milleiros de persoas.
A programación festiva completarase cun amplo calendario deportivo que inclúe, entre outras actividades, o Trofeo San Roque de Fútbol Sala, a Volta Ciclista Comarca Brigantina, o Torneo 3×3 de Baloncesto, o Aberto Vila de Betanzos, o Torneo de Xadrez, o Trofeo San Roque de Ciclismo, o Triangular de Veteranos, un festival de Taekwondo, a Carreira Popular de Betanzos e o Trofeo Cidade de Betanzos de fútbol.
Ademais, durante os días de maior afluencia de público volverá funcionar un Punto Violeta, atendido por profesionais especializados, destinado á información, sensibilización e atención ante posibles situacións de violencia machista ou agresións sexuais.
María Barral agradeceu o traballo realizado polas concellarías implicadas na organización das festas, así como pola Policía Local, Garda Civil, Protección Civil, Fundación Globo de San Roque, patrocinadores e persoas colaboradoras que fan posible o desenvolvemento da programación.
Unha nova sudadeira para promocionar a identidade de Betanzos.
Durante a presentación, a alcaldesa deu a coñecer tamén unha nova sudadeira promocional impulsada polo Concello como agasallo institucional. A peza incorpora oito elementos que identifican a cidade: O Globo , os Caneiros, o Pasatempo, as Calexas, a tortilla, o casco histórico, as danzas tradicionais e os ríos Mendo e Mandeo.
A sudadeira poderá adquirirse proximamente a través da empresa encargada da súa comercialización e nace co obxectivo de reforzar a identidade local e promocionar os símbolos máis representativos de Betanzos. “Son elementos que nos unen como cidade e que representan o que somos”, concluíu a alcaldesa.










