O alcalde de Betanzos, Ramón García Vázquez, foi recibido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en San Caetano, para tratar diversos temas relacionados co municipio como a rehabilitación do parque do Pasatempo e a recuperación do centro histórico. O primeiro edil entregoulle ao presidente un extenso traballo técnico no que se recollen as principais actuacións necesarias para a rehabilitación do parque enciclopédico. O traballo foi elaborado por un grupo de especialistas en arquitectura, belas artes, historia, paisaxismo, e escultura, e recolle obras por valor de algo máis de 1,2 millóns de euros.
García Vázquez explicou ao presidente que desta cantidade están consignados uns 750.000 euros que se incluirán no convenio que o Concello asinará coa Deputación Provincial da Coruña. Este organismo achegará 600.000 euros e o resto o Concello.
O presidente trasladoulle ao alcalde o seu interese por esta actuación e porque a Xunta participe na recuperación do parque histórico unha vez que conclúa a tramitación para tomar a decisión de incoar o expediente de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), un proceso que se tramita nestes momentos e que se espera poida estar finalizado en tres meses. A partir de aí, estudarase, segundo lle explicou o presidente da Xunta ao alcalde, o grao de colaboración para desenvolver o proxecto de recuperación.
Outro dos asuntos tratados na reunión foi o de recuperación de centro histórico. O presidente e o alcalde coincidiron na necesidade de seguir impulsando actuacións de rehabilitación de vivendas. Neste sentido, Núñez Feijóo explicou que o de Betanzos será un dos centros históricos que máis investimento reciba para seguir o proceso iniciado hai uns anos pola Xunta en canto á compra de vivendas e a súa posterior rehabilitación. Nestes momentos execútase a recuperación de tres inmobles e continuarán as obras ata completar a rehabilitación das 11 propiedades que ten a Xunta nesta parte da cidade, estando comprometidos 2,4 millóns para este fin nos orzamentos autonómicos para 2018. O presidente explicou que o obxectivo é seguir ampliando o número e programar máis actuacións para os próximos anos.
Nesa liña, o alcalde, que lle agradeceu ao presidente os pasos dados neste sentido, reiterou a súa disposición para colaborar entre ambas as administracións de cara ao futuro e expuxo que entre esas actuacións inclúase a recuperación da coñecida como Casa Gótica, unha petición que agora será estudada polo executivo galego.
Por último, García Vázquez convidou o presidente a participar activamente nos actos que se preparen en conmemoración do 800 aniversario da cidade, un programa no que se está traballando e que se desenvolvería durante o ano 2019.
O alcalde destacou o interese mostrado polo presidente nas actuacións expostas e o grao de coñecemento que “tiña sobre esta”. Agarda que o Concello e a Xunta continúen traballando “da man e que esta colaboración se poida ver reflectida tanto no Pasatempo como no centro histórico da cidade”.