Comezan as obras de mellora da estrada que une Cortiñán con Montellos

1508

Betanzos, 15 de xaneiro de 2018. A Deputación comezou as obras de mellora da estrada que une Cortiñán con Montellos. Trátase dunha nova senda peonil na estrada provincial DP 0105, que une os concellos de Bergondo e Betanzos.

Os traballos mellorarán as condicións de accesibilidade peonil mediante a construción dun andén de 1,80 metros de ancho que enlazará coas beirarrúas existentes en Viúxe-Cortiñán. O tramo iníciase no PK 0+280 e discorrerá pola marxe esquerda ata o 1+200. Na marxe dereita levará tamén un pequeno tramo de senda entre os km 0+430 e 0+485, que permitirá colocar un paso de peóns para os viandantes que se dirixan á rúa Outeiro (Bergondo). Esta senda construirase con mestura bituminosa en quente e contará con bordo de formigón.

Estes traballos completaranse con outra obra que executa tamén a Deputación para mellorar a seguridade peonil na estrada DP 0901 que da acceso ao peirao de Betanzos, cunha senda de formigón de 2 metros de ancho que discorrerá pola marxe esquerda da calzada entre os puntos quilométricos 0 e 0+260, en paralelo ao parque Pablo Iglesias da capital brigantina. As obras incluirán tamén o reforzo do firme da estrada cunha nova capa de rodaxe de mistura bituminosa en quente.

O investimento supera os 150 000 euros.