A pasada semana celebrouse na localidade de Alcobendas (Madrid) o Campionato de España Júnior de Kickboxing, entre os días 25 e 28 de xuño.
A Federación Galega de Kickboxing e Muaythai depositou a súa confianza no ITF Coirós Brigantium ao designar sete deportistas do club, xunto co seu seleccionador e delegado autonómico, para representar a Galicia nunha das citas máis importantes do calendario nacional.
A expedición brigantina respondeu da mellor maneira posible: con entrega, calidade e excelentes resultados.
A primeira en subir ao máis alto do podio foi Yanire Vázquez, veterana campioa de España, que suma xa doce títulos nacionais ao seu impresionante palmarés. A deportista proclamouse campioa de España en Point Fighting, Light Contact e Kick Light (-50 kg), superando con autoridade todas as eliminatorias desde os oitavos de final. A súa brillante actuación espertou a admiración do público pola súa calidade técnico-táctica e polo seu incansable espírito competitivo.
Pola súa banda, Paula Vázquez competiu sen complexos fronte ás mellores deportistas do panorama nacional, asinando unha gran actuación que lle valeu a medalla de bronce en Kick Light.
Outra das grandes protagonistas foi Celia Mosquera, que debutaba nun Campionato de España e o fixo da mellor maneira posible ao proclamarse campioa nacional en Light Contact. Ademais, conseguiu a prata en Kick Light e o bronce en Point Fighting.
Tamén cun debut moi destacado, Emma Barberá conquistou o ouro en Point Fighting e a prata en Kick Light.
Alicia Mosquera, igualmente na súa primeira participación nun nacional, proclamouse subcampioa de España en Light Contact e acadou o bronce en Kick Light.
No apartado masculino, Román Freire estreouse cunha medalla de prata en Light Contact e un bronce en Kick Light, mentres que Valeria Vázquez completou a excelente actuación do club conseguindo dous bronces, en Light Contact e Kick Light.
En total, a selección galega pechou o campionato cun balance de 15 medallas, consolidando o excelente nivel do kickboxing galego. A Federación Galega de Kickboxing e Muaythai recoñeceu publicamente o traballo do seleccionador Abelardo Vázquez, que capitaneou a expedición autonómica durante toda a competición.
Para o ITF Coirós Brigantium, estes resultados supoñen un importante impulso ao seu proxecto deportivo e unha mostra do talento que se está formando na comarca.
“Este éxito reforza o traballo que levamos anos desenvolvendo na formación de base e confirma que o esforzo diario ten recompensa. Seguiremos apostando pola competición e pola educación a través das artes marciais”, sinalan desde a dirección técnica do club.
O ITF Coirós Brigantium agradece o apoio das familias, patrocinadores e institucións que fan posible o desenvolvemento da súa actividade deportiva e anuncia que continuará traballando para incrementar a presenza galega nos principais campionatos nacionais e internacionais.












