A Universidade Popular de Betanzos (UPB) desenvolverá durante o mes de xullo unha nova programación formativa e cultural que inclúe tres sesións do curso Historia da Arte, un faladoiro sobre a renda básica universal e un obradoiro de creación editorial. Todas as actividades terán lugar en distintos espazos culturais da cidade.
O curso Historia da Arte estará composto por tres sesións independentes, cada unha delas cun enfoque específico e impartida por especialistas na materia. As prazas son limitadas a 10 participantes por sesión, con materiais incluídos, e a inscrición é gratuíta e independente para cada unha delas a través do correo electrónico [email protected].
A primeira sesión celebrarase o xoves 9 de xullo, ás 19:30 horas, no Museo das Mariñas, baixo o título “Marcel Duchamp: contexto, obra e legado”, unha viaxe visual impartida por X. L. Mosquera.
A segunda sesión terá lugar o sábado 18 de xullo, ás 11:00 horas, no Conservatorio Municipal de Música Carlos López García-Picos, coa proposta “Antes de Bach”, unha viaxe sonora a cargo de Adrián Fernández.
O curso concluirá o mércores 22 de xullo, ás 11:00 horas, na sede da Fundación CIEC, coa sesión “O libro de artista”, unha viaxe visual impartida por Pedro Galilea.
Ademais, o martes 14 de xullo, ás 16:30 horas, o Museo das Mariñas acollerá, en sesión única, o faladoiro “Renda básica universal”, impartido por Rodri Gil.
A programación completarase o venres 17 de xullo, ás 17:00 horas, tamén no Museo das Mariñas, coa actividade Sabotaxe Editorial, que incluirá o obradoiro “Collage, cut-up e fanzine salvaxe”, dirixido por Abel Pantín. A actividade contará cun máximo de 10 participantes, materiais incluídos e inscrición gratuíta a través do correo [email protected].
A Universidade Popular de Betanzos é unha iniciativa organizada polo Concello de Betanzos e a Asociación Sociocultural Zona Hadal, coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.














