O Concello abre unha campaña para recompilar información de locais baleiros en venda ou alugueiro e crear así unha listaxe pública na web municipal

814

A Concellería Comercio iniciou unha iniciativa para a creación dun banco de locais libres para alugueiro ou venda en todo o municipio co fin de facilitar así a información a quen busca un local para iniciar algunha actividade empresarial ou comercial e, doutra banda, axudar a propietarios destes locais para buscar posibles clientes.

O obxectivo é poder colaborar desde o Concello para dar difusión e que eses locais volvan ter vida. “Hai rúas importantes da cidade con locais que levan pechados desde hai tempo e que, en moitos casos, nin tan sequera están publicitados e noutros casos só teñen un cartel no escaparate”, explica a concelleira de Comercio, quen indica que con esta iniciativa municipal “haberá un lugar na propia páxina web na que os interesados terán a localización do local, a superficie e o estado do mesmo” para desde ese momento valorar se se adapta ou non co que están a buscar e, de adaptarse ás súas necesidades, poder negociar os termos da venda ou alugueiro co propietario ou a inmobiliaria correspondente”.

Entre os datos que se dispoñerán farase incluir tamén o prezo da operación tanto se é de alugueiro como de compra, así como os anos nos que estivo ocupado para unha determinada actividade e a que se dedicaron as instalacións.

A edil indicou que os interesados en poñer participar neste banco de locais, tanto particulares como inmobiliarias, teñen á súa disposición un formulario para cubrir na propia páxina web www.novas.betanzos.gal

Todas a información recollida aparecerá logo nun apartado na web municipal na que se poderá consultar. Será un apartado activo, que se irá actualizando paulatinamente. Neste sentido, solicitou a colaboración de propietarios e inmobiliarias para que participen. “Queremos que o banco de información non estea centrado só na cidade senón que tamén aparezan locais e naves industriais situadas fóra do núcleo urbano”.

Ata o de agora, particulares que estaban interesados en alugar ou vender nalgúns casos dirixíanse ao Concello para trasladar esa información e cando “había algún emprendedor ou incluso alguén con algún proxecto empresarial que chamaba ao Concello para interesarse por algún local facilitábase o contacto. Agora será máis fácil e máis adaptado aos tempos”, apunta Angeles Veiga.